As Pontes, 23 de novembro|

“TRABALLAMOS PARA FORMAR E CONCIENCIAR AOS PONTESES NUNHA MAIOR PROTECCIÓN DO MEDIO AMBIENTE”

  • Así o manifestou a Primeira Tenente Alcalde de As Pontes, Montserrat García Chavarría, en Onda Cero Galicia, onde explicou os detalles do programa combinado de compostaxe doméstica e vermicompostaxe que se está a implantar o concello co apoio de Sogama.
  • Ao mesmo incorporaranse 55 familias (30 en autocompostaxe e 25 en vermicompostaxe), desenvolvéndose en dúas fases: unha de formación e outra de seguimento.
  • Referiuse tamén ao importante papel que está a desempeñar a aula municipal da reciclaxe na educación e formación ambiental de veciños e colectivos doutros municipios.
  • Sinalou igualmente as vantaxes do plan de acción que están a desenvolver nos establecementos de hostalería para incrementar a reciclaxe, especialmente dos envases de vidro.

En declaracións a Onda Cero Galicia, a Primeira Tenente de Alcalde de As Pontes de García Rodríguez, Montserrat García Chavarría, explicou os pormenores do programa combinado de compostaxe doméstica e vermicompostaxe que xa se atopa desenvolvendo o concello co fin último de dar un tratamento máis ecolóxico á materia orgánica producida nos domicilios. O obxectivo último é propiciar a reciclaxe desta fracción de residuos nos propios fogares, evitando que acabe no contedor verde convencional. Con isto, o ente local pretende lograr importantes beneficios ambientais debido á menor frecuencia de recollida e transporte do lixo, diminuíndo as emisións de CO2 á atmosfera, así como económicos, pretendendo pagar menos a Sogama debido á menor cantidade de refugallos entregados a esta empresa pública, e sociais, toda vez que se recupera unha práctica tradicional no rural galego como é a separación da parte orgánica para alimento do gando ou elaboración de compost.

Un total de 55 familias incorporaranse a esta iniciativa: 30 faranno na modalidade de compostaxe doméstica e 25 na de vermicompostaxe, utilizando neste último caso lombrigas de terra, que inxeren a materia orgánica e a excretan en forma de humus, un fertilizante natural con excelentes propiedades para o solo, xa que contribúe a incrementar a súa capacidade para reter humidade, podendo facer fronte con maiores garantías a posibles pragas e enfermidades.

Tal e como explicou García Chavarría, o proxecto, cunha duración de 10 meses, divídese en dúas etapas. Nunha primeira fase, contémplanse tarefas de formación para que os usuarios coñezan os pormenores da técnica a aplicar en cada caso. Con tal fin, xa se impartiron, a cargo de técnicos especialistas ao servizo de Sogama, senllos cursos de formación en compostaxe doméstica e vermicompostaxe, acompañados do correspondente material didáctico e divulgativo de apoio.

Será persoal do concello o que se encargará posteriormente de facer un seguimento da iniciativa, visitando casa por casa para comprobar o traballo dos veciños, corrixir posibles desviacións e solventar todas as dúbidas que estes poidan presentar.

A AULA MUNICIPAL Da RECICLAXE, RESORTE EDUCATIVO

Neste escenario, a Primeira Tenente de Alcalde referiuse ao importante papel que está a desempeñar a aula municipal da reciclaxe, un dos principais activos cos que conta o concello para levar a cabo labores de educación ambiental. Se ben a aula conta xa cunha gran acollida por parte dos veciños, o interese reside agora en dala a coñecer a outros municipios e colectivos, principalmente aos escolares, constituíndo un excelente recurso na formación para un maior coidado do medio ambiente e, máis especificamente, para unha xestión máis sostible dos residuos a través de prácticas que prioricen a redución, a reutilización e o reciclaxe.

HORECA, UN IMPULSO PARA A ECONOMÍA CIRCULAR

Así mesmo, dou conta das actividades que o ente local está a levar a cabo no sector da hostalería polo gran potencial e a gran oportunidade que este representa para incrementar as taxas de reciclaxe no municipio. Exemplo disto é a recollida selectiva do vidro, que crecerá de forma exponencial grazas á distribución de recipientes específicos entre os establecementos hostaleiros para facilitar a segregación deste material e facer máis cómodo todo o proceso de xestión.

Propiciando a reciclaxe de envases de vidro, un material que se axusta totalmente ao concepto de economía circular, diminuirán notablemente os custos económicos e gañarase en sostibilidade.