]RTVEume| A concelleira de emprego, Ana Pena, ven de facer entrega dos diplomas correspondentes aos dous cursos adicados á prevención de riscos laborais e á formación por oficios na especialidade de instalacións, reparacións, montaxes, estructuras metálicas, cerraxería e carpintaría metálica, que o departamento municipal de emprego estivo a desenvolver nestas últimas semanas.

Ámbalas dúas actividades contaron con 20 prazas dispoñibles aínda que a demanda foi moi superior polo que foi necesario idear unha lista de agarda.

A casa dopeso acolleu, nestas semanas, estes dous obradoiros formativos de 60 horas de duración e que se clausuraron hoxe mesmo coa entrega de diplomas correspondente.

Precisamente, a edil agradeceu a gran acollida destas dúas actividades e felicitou aos participantes á hora de aproveitar ao máximo estas dúas iniciativas formativas que, unha vez máis, tiveron como obxectivo o lograr formar aos veciños e veciñas desempregados para incrementar as súas opcións de contratación, neste caso no sector do metal.

Malia que hoxe tocaba clausurar estes dous cursos, a intención da concellería que dirixe Ana Pena pasa por continuar a desenvolver actividades formativas gratuítas que permitan a aqueles veciños e veciñas que non teñan un emprego, adaptarse ás necesidades que esixe o mercado laboral actual a nivel de coñecementos, experiencia e formación e, coma sempre, a custe cero para os beneficiarios.