As Pontes, 11 de abril de 2019O Concello de As Pontes puxo en marcha, esta semana, as obras de reparación da capa de rodadura dos camiños de Caivancas, Reboredos e Morixoso, na parroquia de Goente e no viario que conduce cara ao encoro da Ribeira, na parroquia de Somede.

Estas actuacións, cun orzamento de 74.853,96 euros con cargo ao Pos Adicional 2018 da Deputación da Coruña e executadas pola empresa Excavaciones Saavedra y López S.L, teñen como obxectivo prioritario, dotar á rede viaria rural dunha maior calidade, tanto estrutural como superficial, para lograr que sexa máis accesible, cómoda e segura para toda a veciñanza.

Durante estes días estase a levar a cabo a limpeza das cunetas para o correcto drenaxe do firme. Unha vez rematadas estas tarefas, realizarase un aporte de grava e tratamento asfáltico naquelas zonas nas que existan fochancas para, a continuación, proceder á renovación da capa de rodadura con aglomerado.

Ademais realizaranse outras actuacións de mellora e aumento da seguridade viaria como a reposición da sinalización horizontal, co pintado das liñas nos bordes do viario e das sinais precisas segundo marca o código de circulación vixente.

Estas obras forman parte do plan de traballo deseñado polo goberno local para as parroquias do rural pontés, destinado a mellorar a rede de estradas e camiños, continuar coa incorporación de novos servizos públicos así como renovar os equipamentos, seguindo co seu compromiso por mellorar as infraestruturas do ámbito rural e favorecer a calidade de vida de toda a veciñanza.