As Pontes, 11 de xullo| Con puntualidade británica, as bombas de palenque anunciaban ás 8 do serán do venres o inicio da misa da novena na Capela do Carme e tamén ao tempo a apertura da marcaxe oficial das parcelas que, nos vindeiros días, ocuparán os romeiros para levantar as casetas nas que festexarán as festas da fraga 2016.

Grupos de amigos, familiares ou compañeiros de traballo xa se xuntaban e ata facían quendas nas horas previas para non perder esa parcela tan especial e que, durante tres xornadas, será o escenario perfecto de churrascadas, conversas e moita diversión.

E é que en tan só 12 días o barrio da Fraga ateigarase de visitantes e veciños de todos os puntos tanto de Galicia coma do resto do país grazas á celebración da edición número 112 dunha das festas máis míticas do verán galego.

Durante a tarde do venres, tocaba ese ritual previo da marcaxe coas tradicionais mantas sobre o céspede, as partidas de cartas, os refrescos e aperitivos e a compaña dalgunha que outra mascota para facer máis levadeiras as horas de espera.

Xa nos vindeiros días arrincará o proceso de construcción destas cabanas e que con madeira, xestas ou lona volverán novamente tinxir o habitual aspecto da Fraga de Dona Rita para dar lugar a un efímero barrio de vivendas do máis particular.

Pero ademáis de cumprir co trámite da marcaxe e construcción de cabanas tamén toca afrontar as obrigas dos romeiros e é que, coma cada ano, será necesario achegarse ata o departamento municipal de Policía para cumplimentar a pertinente autorización municipal, que xa se pode recoller nas súas oficinas.

De feito, unha persoa de cada grupo cubrirá un formulario de responsabilidade e compromiso de coidado e limpeza do lugar empregado para o levantamento da súa cabana ao que acompañará unha fotocopia do DNI dun responsable maior de idade de cada cabana. Este trámite deberase cumplimentar en horario de oficina, de 9 a 14.00 horas, de luns a venres nas oficinas da Policía Local no edificio administrativo da Canle IV.