As Pontes, 14 de marzo| A endometriose é o crecemento de tecido endometrial fóra do útero, de predominio no peritoneo e os ovarios. A extensión da doenza varía desde poucas e pequenas lesións ata grandes endometriomas ováricos e/ou grandes e extensos nódulos/fibroses e adherencias que causan unha severa distorsión da anatomía pélvica normal.

Os seus síntomas máis frecuentes:
A dor: dor de regra (dismenorrea) que non cede con tratamento habitual, dor crónica pélvica, dor coas relacións sexuais (dispareunia intensa), dificultade ao defecar (disquecia cíclica).
Infertilidade.
Considérase que a endometriose afecta a un 10% das mulleres en idade fértil. De se confirmar este dato en Galicia habería unhas 60.000 mulleres afectadas por esta doenza.