Xa está aberto o prazo de inscrición para tomar parte nunha nova edición do Día da Bici que se vai celebrar nas Pontes este mesmo domingo baixo o patrocinio do Concello, e mailas empresas Matojoma e Valoriza Servizos MedioAmbientais.

Para a celebración desta proba, dirixida a toda a familia e sen carácter competitivo, contarase coa colaboración de Protección Civil, a Policía Local, o Club Ciclista Vilalba As Pontes e o Club Ciclista Terras do Eume, ademais do grupo Gadis. As inscricións teranse que tramitar na oficina do Polideportivo Municipal ou senón no rexistro do Concello. Tamén será posible anotarse o mesmo día da proba.

Os participantes no día da Bici están citados para as once da mañá diante do Concello, para media hora máis tarde dar comezo á camiñata. A proba ten un percorrido aproximado de oito quilómetros. Os participantes pasarán polas Avenidas de Ferrol, Coruña e Habana para dirixirse cara a Avenida de Vilalba, pola rúa Celso Emilio Ferriero. Percorrerase tamén a Avenida de Ortigueira, as rúas Monte Caxado, e Constitutción. Chegarsae ao lago e logo dun pequeno descanso continuarase polo Poboado das Veigas, ata a Avenida de Galicia. Tamén se percorrerá o casco antigo da Vila para chegar posteriormente ata a Presa de Alende e regresar ao Concello pasando pola Avenida da Habana, e as rúas Celso Emilio Ferreiro, Meidelo e Ortigueira.

Xa diante do Concello haberá sorteo de agasallos entre os asistentes. O Concello aporta tres bicicletas, e haberá tamén vales de compras obsequio de Lecar 712, Óptica Cortizas, Niza, Raparigos, Lujo e Cervercería As Tres Pontes.