O día 8 de marzo, Día Internacional da Muller, conmemora a loita das mulleres por alcanzar a igualdade na sociedade. É polo tanto unha xornada de reivindicación e loita contra a desigualdade e o recoñecemento dos seus dereitos. O 8 de marzo representa unha ocasión para o recordo e a homenaxe ás mulleres que impulsaron estos ideais. A igualdade real e efectiva entre mulleres e homes constitúe un principio esencial recollido na Constitución Española, no decreto legislativo 2/2015 de 12 de febreiro, texto refundido das disposicións legais en materia de igualdade de Galicia na CEDAW.

O Concello de As Pontes de García Rodríguez súmase á conmemoración desta xornada para loitar contra a desigualdade e para emprender cantas actuacións sexan precisas a favor dos dereitos das mulleres en todos os ámbitos da nosa sociedade.

As Entidades Locais somos figuras clave na erradicación da violencia de xénero. Só traballando desde o territorio poderemos acabar coa violencia contra as mulleres e os seus fillos e fillas, e fomentar a construción dunha sociedade libre de violencia de xénero.

Consideramos que a brecha salarial entre homes e mulleres constitúe unha discriminación por razón de sexo. A loita pola equiparación social entre homes e mulleres debe fomentarse a través da implantación de políticas de igualdade nas nosas vilas e cidades.

Acabar coa discriminación entre homes e mulleres e o patriarcado resulta non só un deber ético, senón un inaprazable compromiso histórico na que todas as institucións do Estado teñen que participar de xeito activo.

Vivimos neste momento unha ofensiva contra os dereitos das mulleres acadados tras moitos anos de traballo e loita e agora, a dereita máis radical deste país, pretende cuestionar a existencia da violencia machista, cuestiona o importante papel das mulleres na sociedade e intenta devolvernos á desigualdade en tódolos ámbitos da vida.

Por todo isto, queremos manifestar que o Concello de As Pontes de García Rodríguez rexeita e condea enerxicamente as discriminacións, a violencia machista, a desigualdade social e económica, a hipersexualización, a precariedade laboral e o acoso sexual e a trata e explotación das mulleres.

Así mesmo, os grupos políticos con representación no Concello de As Pontes nomeadamente, PP, Xuntos por As Pontes, PSOE, manifestamos o noso apoio á convocatoria de folga de mulleres do 8 de marzo de 2019.