O pasado 22 de febreiro,  o Concelleiro Delegado de Poligal, Santiago Font, comunicaba á representación social a solicitude dun concurso voluntario de acredores con proposta de liquidación para a fábrica de Narón e, polo tanto, o posible despedimento dos seu preto de 120 traballadores e traballadoras.

Cómpre lembrar que Poligal (que se dedica á fabricación de plástico para a industria alimentaria e laminación) foi o buque insignia das subvencións e dos famosos plans de reindustrialización para a comarca de Ferrolterra ao abeiro das que recibiu suculentas  axudas para mercar solo industrial, montar as naves e contratar persoal. E foi desde Narón de onde expandiu a súa actividade levantando fábricas en Portugal e Polonia coas que agora quere competir

 

Poligal Narón

Conta cunha plantilla máis que cualificada, como o evidencia o feito de conseguir os máis altos recoñecementos en calidade e seguridade alimentaria, chegando a obter e manter a certificación BRC

A planta e plantei teñen a característica de innovación e desenvolvemento de materiais especiais

Ademais, Poligal é unha empresa con un peso moi importante no tecido socioeconómico da comarca, e polo tanto, os grupos políticos municipais con representación no Concello de As Pontes de García Rodríguez, PSdeG-PSOE, BNG, Xuntos por As Pontes e PP acordamos:

Trasladar o noso apoio e a solidariedade coas traballadoras e cos traballadores de Poligal Narón, na xusta defensa dos seus postos de traballo.

Demandar da empresa a renuncia ao concurso voluntario de acredores e a retirada da proposta de liquidación de Poligal- Narón.

Demandar da Xunta de Galicia e do Ministerio de Industria, administracións que viñeron subvencionando Poligal, o seu compromiso e implicación activa na solución deste conflito, que necesariamente, pasa polo normal funcionamento do centro de traballo de Narón e o mantemento do seu cadro de persoal, xa que doutro xeito non se pode entender a concesión de axudas públicas.