As Pontes, 29 de setembro| O Mercado de Oportunidades Vila das Pontes ou MOVA festexará, nunhas semanas, o seu décimo aniversario e con unha interesante novidade con respecto a edicións anteriores.

Trátase do cambio de data pasando do tradicional un de novembro, á fin de semana anterior: os días 28 e 29 de outubro. Así o explicaron onte nun encontro co comercio local os organizadores desta cita: por un lado a concellería de Hostalería, Comercio e Emprego, mediante o Instituto Pontés de Promoción Económica, e por outro a asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Empresarios, COHEMPO.

Tal e como apuntou a edil Ana Pena, para este ano apostarase por adiantar a coñecida Feira de Fungos e Cogumelos das Pontes ao domingo 29 de outubro, co obxectivo de marcar como nova data para estes festexos a fin de semana anterior ao primeiro de novembro.

Con esta decisión, búscase atraer máis visitantes tanto a esta tradicional cita do outono pontés coma a todos os actos que se desenvolven durante a xornada previa, ao cadrar sempre en fin de semana, a cifra de visitantes de seguro que será maior.

Precisamente, tanto Ana Pena coma o presidente de COHEMPO José Rodríguez, explicaron que esta decisión tamén será do máis positiva para os comercios que tomen parte no Mova, ao incrementarse a cifra de visitantes que aproveitarán a fin de semana para desfrutar das distintas actividades que se ofertarán dende o Concello.

Onde non haberá cambios será nos horarios de apertura do MOVA e na súa localización xa que, a avenida da Coruña volverá albergar esta cita do comercio local en horario ininterrompido de 10:00h da mañá a 19:00h da tarde.

Asemade, tamén se reeditarán os premios para os clientes co reparto de seis vales por valor de 100 euros a gastar no propio MOVA e q se sortearán entre aqueles que realizasen algunha compra durante os dous días que dure este mercado.

Xa o luns, e durante toda a vindeira semana, os comercios interesados en participar poderán inscribirse con tan só achegarse ás oficinas do IPPEC. Alí tamén se lles dará cumplida información sobre o tamaño do stand co que desexan participar neste X MOVA e o seu prezo, e é que, un ano máis, tanto o Concello coma COHEMPO colaborarán economicamente co alugueiro dos postos que se instalarán na avenida da Coruña.

Como é habitual, para obter máis información ou xa anotarse, os interesados poderán achegarse a vindeira semana, dende o mesmo luns, ata as oficinas do IPPEC, en horario de 8:00H da mañá a 14:30h da tarde.