As Pontes, 6 de outubro| O departamento municipal de Cultura ven de presentar as bases que rexerán a segunda edición do Certame Fotográfico Micolóxico As Pontes 2017.

Así ata o vindeiro día 16, será posible que todos aqueles fotográfos profesionais ou amateur que se animen a presentar as súas instantáneas, entreguen as súas propostas no Rexistro Municipal do Concello, mediante o correo electrónico de Cultura ou empregando o envío postal.

No tocante ás bases, as instantáneas deberán representar os fungos, cogomelos e o seu hábitat e o seu autor terá que ter máis de 18 anos.

Cada participante poderá presentar un máximo de 3 instantáneas, mate, en tamaño 24×30, en cor ou en branco e negro, cun título e nun sobre pechado no que se incluirá un segundo sobre con todos os datos do participante. Se o envío se realiza por correo electrónico, as instantáneas deberán enviarse en formato .jpg, e sen ningún tipo de marca ou logo ao enderezo [email protected].

Se se desexa utilizar o correo ordinario, o proceso será semellante á súa entrega en rexistro incluíndo as instantáneas nun sobre que se enviará ao enderezo Concurso de fotografía Micolóxica das Pontes 2017, Concello de As Pontes, Parque Municipal S/N, Código Postal 15.320- As Pontes – A Coruña.

Unha vez, recibidas todas as propostas, o xurado do certame escollerá os mellores traballos que formarán parte dunha exposición que poderemos desfrutar durante a 28ª Feira de Fungos e Cogumelos.

De ahí sairán as tres instantáneas gañadoras que se repartirán un premio de 500 euros, un segundo galardón de 300 euros e un terceiro premio dotado con 200 euros.

Todas estas bases pódense consultar no espazo de facebook do Departamento de Cultura.