RTVEume/ Un ano máis, e xa van 3, o club de Atletismo Olympo volve animar ás mulleres pontesas a tomar parte na Carreira da Muller, prevista para o vindeiro mes de Setembro na Coruña.

E un verán máis, Olympo volve ofrecer a posibilidade de prepararse para esta carreira a través do Clube. De feito mañá mércores celebrarase a primeira xuntanza e tamén a primeira clase práctica estando citadas todas as mulleres interesadas ás nove da noite no Pavillón Polideportivo do Instituto Moncho Valcarce.

O obxectivo é lograr que as mulleres pontesas que o vindeiro 20 de Setembro tomen parte na Carreira da Muller alcancen a liña de meta sen dificultade algunha ben sexa camiñando ou correndo. De feito, as clases que oferta Olympo son preparatorias tanto para atletas ocasionais, como para aquelas outras mulleres que non se iniciaron na práctica deste deporte.

A través do Club de Atletismo Olympo máis de 300 mulleres pontesas tomaran parte o ano pasado na Carreira da Muller na Coruña, unha cifra que ben podería incrementarse novamente este ano dado o bo traballo que se está a realizar dende o Club que preside a atleta Susana Castro.

Dende o clube olympo xa se puxeron mans á obra para preparar a veciñas de todas as idades coa fin de afrontar este percorrido de 5 quilómetros xa ben sexa camiñando ou correndo e, onte mesmo, daban inicio aos tradicionais adestramentos gratuítos nos que poderán participar veciñas de todas as idades para preparar esta cita solidaria.

O polideportivo do Instituto Moncho Valcarce serviu como escenario onte desta primeira xuntanza na que se animaron a participar unha trintena de veciñas de todas as idades e que xa, nesta primeira xornada, comezaron co traballo físico para preparar esta convocatoria.

Os encargados de dirixir esta primeira sesión foron tamén dous integrantes do clube a vicepresidenta Tania Bellas que dirixiu o grupo das que se inician nesta disciplina e o secretario Miguel Vilaboy, que se encargou do grupo de alumnas avanzadas e que comezaron xa onte coas primeiras sesións de carreira.

Asemade, tamén foron eles os encargados de explicar a metodoloxía que se empregará ao longo destas sesións gratuítas e de acceso libre, e que pretenden servir para que mulleres de calquer idade melloren o seu estado físico e poidan afrontar a carreira da Muller sen percance físico algún e adaptándose ás condicións de cada corredora.

Dende onte mesmo e ata o vindeiro 20 de setembro, estas corredoras e todas as que desexen sumarse a estes adestramentos poderán achegarse cada mércores, dende as 9 da noite ata o polideportivo do Moncho Valcarce.

Asemade, dende o clube olympo tamén veñen de informar de que xa está aberto o prazo para formalizar a pertinente inscrición para esta cita solidaria e que, coma sempre, se pode tramitar en opticalia callao.

O prezo por inscrición é de 10 euros e as participantes deberán dar conta do seu nome e apelidos, dni, data de nacemento, número de contacto e talla de camiseta.