As Pontes, 23 de xaneiro| Persoal ao servizo do concello de As Pontes de García Rodríguez realizará durante os próximos días a segunda visita de seguimento aos fogares que participan no programa combinado de compostaxe doméstica e vermicompostaxe, promovido co apoio de Sogama.

A primeira quenda de 50 visitas dos técnicos do programa, realizouse a finais de decembro e primeiros de xaneiro, os cales aproveitaron as visitas para conseguir unha serie de datos de interese respecto das familias que participan nesta iniciativa: desde a propia localización do dispositivo ata a temperatura da mestura, frecuencia coa que se proporcionará materia orgánica ao proceso e, sobre todo, problemas xurdidos ao longo deste tempo e solución dispensada aos mesmos.

No programa están a participar persoas de todas as idades, desde os 2 anos ata os 84, sendo resaltable que ademais dos 50 fogares participantes, tamén están implicadas 2 iniciativas socio-educativas nas que se está a probar o sistema de elaboración de compost, como son: a Escola de Educación Infantil A Barosa e o Centro de Educación Especial ASPANAES, que dispoñen en total con 3 recipientes para os seus biorresiduos (2 vermicomposteiras e 1 composteira).

As valoracións dos técnicos responsables das primeiras visitas son moi positivas, destacando a ilusión predominante entre as persoas participantes, que puxeron en funcionamento sen problema as composteiras e vermicomposteiras entregadas durante as charlas formativas realizadas a mediados de novembro.

Cabe destacar o esmero de diversas persoas participantes no que respecta a un bo facer nas composteiras e vermicomposteiras. Hai xente realmente preocupada en facer aportes de tamaño axeitado polo que pican ben o material para que a súa descomposición sexa máis rápida. Un dos grandes desafíos desta primeira fase do programa estivo nas baixas temperaturas invernais, que supuxo no caso das vermicomposteiras unha alta implicación da xente participante para arredar as miñoqueiras da exposición ao frío.

Durante esta primeira fase de visitas prestouse especial atención a que os participantes estivesen seguros e cómodos nos procesos de compostaxe e vermicompostaxe, e os técnicos que visitaron as vivendas tiveron ocasión de falar cos participantes, afianzar as súas seguridades e resolver as súas dúbidas.

Coa segunda quenda de visitas técnicas, que comezarán esta semana, preténdese seguir apoiando o desenvolvemento da técnica de compostaxe, reforzar os coñecementos adquiridos orientando individualmente a cada familia, e sobre todo, corrixir posibles erros para que o proxecto evolucione de forma positiva e logre o seu fin, que non é outro que reciclar a materia orgánica en orixe e pechar o ciclo de aproveitamento da mesma na propia vivenda, utilizando o abono obtido como acondicionador e fertilizante de solos.

O Concello vai a continuar coas visitas ata o verán, co fin para garantir a asistencia a todos os veciños que participan nesta iniciativa e que se sentan apoiados nunha tarefa que contribúe en gran medida á educación ambiental, e a prevención e redución de residuos.

CARA Á SOSTIBILIDADE

De levarse a cabo de forma axeitada, o Concello poderá diminuír a cantidade de lixo a entregar a Sogama e, xa que logo, o importe da factura para pagar a esta empresa pública, amén doutras vantaxes ambientais e sociais, como son a diminución da frecuencia de recollida e transporte, coa conseguinte minoración de emisións de CO2, e a recuperación dunha práctica tradicional en Galicia: a separación da materia orgánica para alimento do gando ou elaboración de compost.

Os usuarios xa foron formados no seu momento a través de senllos cursos presenciais impartidos por técnicos especialistas, tanto no ámbito da compostaxe doméstica como no da vermicompostaxe, dotándoos igualmente con guías e manuais específicos en cada caso.

Con esta segunda visita, o concello de As Pontes pretende solicitar datos que sexan de utilidade para corrixir posibles incidencias, e garantir desta forma uns bos resultados finais que, sen dúbida, redundarán en beneficio de todos os ponteses, tomando como referencia os requisitos e preceptos da economía circular.

Continúan as visitas de seguimento aos fogares que participan no dobre programa de compostaxe denominado #Compostdacasa