A terceira fase da remodelación do mercado municipal de As Pontes inclúe a demolición do edificio anexo e o arranxo da explanada interior do recinto. “A previsión é continuar coa demolición do resto de inmobles lindantes –asegura Montse García–, para o que xa estamos en conversas con Fenosa, propietaria do transformador existente para o seu soterramento, e coa Consellería de Medio Rural, propietaria do edificio da antiga Cámara Agraria”. Como é ben coñecido por todos os veciños, a intención do goberno municipal é a construción nese espazo dun centro multiusos polivalente, que conte cun espazo cuberto para os máis pequenos e que poidan así gozar, tamén no inverno, así como a celebración das feiras do grelo e fungos, ou calquera outra actividade, podendo prescindir da carpa. Nesta terceira fase de mellora do edificio do mercado, ademais da demolición e o arranxo da explanada posterior, abordarase o acondicionamento da primeira planta, no que se procederá á división para, polo menos, cinco locais comerciais. O goberno municipal está á espera tamén da resolución doutra subvención, proveniente da Consellería de Industria, que xa foi solicitada, para o arranxo da cuberta e da baixocuberta do inmoble, co que quedaría integramente finalizada a remodelación do mercado municipal de abastos. A mellora deste espazo foi executada ao longo de varias fases. A primeira empezou co mercado de abastos, na planta baixa, e co acondicionamento exterior. Montse García destaca o feito de que fora “un edificio plenamente integrado na contorna e nos xardíns municipais”, co que a reforma cumpriu un dobre obxectivo, recuperar un edificio e mellorar o servizo aos veciños. A segunda fase da reforma encargouse de mellorar a fachada posterior, dándolle independencia e mellorando a accesibilidade coa instalación dun ascensor, e da remodelación da primeira planta. A terceira, que a que se vai acometer agora, ten destinada unha subvención de arredor de 90.000 euros e abordará, unha vez concluída a demolición, o acondicionamento definitivo da primeira planta, con novos locais comerciais. A intención do Concello é rematar o acondicionamento global coa mellora da cuberta e baixocuberta, para o que xa ten solicitada outra axuda á Consellería de Industria. Hai agora un ano, acometeronse  as primeiras obras de renovado do edificio, que incluíron o acondicionamento da planta baixa e do exterior. Con aquela actuación, os praceiros puideron desenvolver o seu labor nun lugar en mellores condicións e moito máis diáfano, mesmo con mobiliario urbano integrado, nunha aposta do equipo de goberno por mellorar o edificio. A estética da fachada que se estreou por aquel entón ía acorde coas melloras estéticas que nos últimos anos se están a realizar no casco urbano e que teñen a súa mellor aposta no centro neurálxico da urbe, onde se enmarca a praza de abastos. O proxecto supuxo un desembolso de case 160.000 euros e, con el, acadáronse, ademais dos obxectivos estéticos, a mellora na accesibilidade, a apertura dunha nova entrada e unha importante ampliación de espazo. As obras supuxeron tamén a eliminación dos soportais que daban aos xardíns Campo da Feira. Coa nova fachada acristalada do edificio gañouse máis espazo na planta baixa, onde se atopan os postos de venda, ao que se sumou tamén un novo revestimento composto por placas de aluminio e resina.