O Concello incrementa a aportación para o programa “Eu almorzo no cole”

28

As Pontes, 10 de novembro| O Concello de As Pontes celebraba esta mañá a sesión ordinaria na que se decidía o incremento da aportación ás Anpas Outo Eume de A Madalena, e Medoñas de A Fraga, para desenvolver o programa “Eu almorzo no cole”.

Este é un dos programas que promove o goberno local para a compatibilización da vida laboral e familiar e que, dende hai case unha década permite ós proxenitores deixar ós seus fillos e fillas no Colexio antes do comezo da xornada lectiva escolar, para que podan almorzar e facer actividades no centro.

Logo da suma do alumnado do Monte caxado ao Colexio de A Madalena, a demanda disparouse. Neste senso, dende o Concello tamén se volvía insistir na esixencia á Xunta de que faga a súa aportación a este programa, que sostén en solitario a Administración local.

Para poder destinar a subvención precisa tamén se aprobaba a modificación da base 48ª dos orzamentos municipais.

Antes de chegar a estes puntos xa se acadara tamén a unanimidade na aprobación inicial da modificación do a ordenanza de Réxime interior na Escola Infantil Municipal A Barosa, unanimidade que se repetiría na concesión dunha subvención tamén nominativa a favor da Sociedade “Hijos el Ayuntamiento de As Pontes y Agolada”.

Tamén se aprobou, anque xa con reparos por parte da oposición, a conta xeral do exercizo 2.016, que volvía arroxar números de bo estado económico, sen endebedamentos e mantendo remanente nas contas públicas locais.

Precisamente ese remanente de tesourería foi chave para poder acometer a modificación orzamentaria nunha das modalidades de creto e suplemento extraordinario de creto. Anunciábase que sería xa a última modificación do exercizo, e que se facía precisa para acometer obras, actuacións e dotacións diversas.

A ordenanza fiscal nº 1, reguladora do Imposto de Bens Inmobles saíu adiante co voto en contra de BNG e PP, e a abstención de Xuntos por As Pontes.

Salientábase que dende o Concello non se sube o IBI, que segue a ser o máis baixo comparativamente falando. Mesmo se adoptou a solución menos mala para actuar a prol dos intereses dos veciños fronte a unha medida que ven imposta polo Estado. Entre as diferentes mocións abordadas, aprobábase unha do PsdeG PSOE pedindo unha batería de medidas a esixir ó goberno galego para evitar o abandoo do rural, e acolléndose ás recomendacións de Unións Agrarias.

Non atopou nada máis que o insuficiente apoio do Bloque a proposta de Xuntos por As Pontes de rexeitar a Lei autonómica de Fomento de Implantación de Iniciativas Empresariais.

E retiráronse senllas mocións referentes á data do 25 de novembro, día en contra da violencia coas mulleres, xa que os propoñentes BNG e PsdeG PSOE acordaron unificalas nunha declaración institucional.

No apartado de control dende o Goberno escoitáronse e atendéronse os rogos e preguntas que lles dirixiron os tres grupos da oposición.