O Concello efectúa a primeira visita de seguimento aos fogares que participan no Compostdacasa

140

As Pontes, 19 de decembro| O Concello de As Pontes efectúa a primeira visita de seguimento aos fogares que participan no dobre programa de compostaxe denominado #compostdacasa.

  • Persoal especializado visitará casa por casa para recabar datos de interese, supervisar a técnica aplicada, corrixir posibles erros e disipar dúbidas.
  • A inspección realizarase sobre un total de 53 recipientes (25 vermicomposteiros e 28 composteiros domésticos).
  • A pretensión do Concello é seguir un estudado protocolo de actuación para garantir a asistencia a todos os veciños que participan nesta iniciativa, que combina a autocompostaxe e a vermicompostaxe, e que estes se sentan respaldados e apoiados nunha tarefa que contribuirá en gran medida á prevención e á redución de residuos.
  • Vantaxes ambientais, económicas e sociais atópanse detrás dun proxecto que redundará en beneficio de todos os ponteses.

Persoal ao servizo do Concello de As Pontes de García Rodríguez realizará durante os próximos días a primeira visita de seguimento aos fogares que participan no programa combinado de compostaxe doméstica e vermicompostaxe, promovido no seu momento co apoio de Sogama.

En total, 53 recipientes (25 vermicomposteiros e 28 composteiros domésticos) serán inspeccionados por técnicos especializados, os cales aproveitarán as visitas para recabar unha serie de datos de interese respecto das familias que participan nesta iniciativa: desde a propia localización do dispositivo ata a temperatura da mestura, frecuencia coa que se aportará materia orgánica ao proceso, modus operandi e, sobre todo, problemas xurdidos ao longo deste tempo e solución dispensada aos mesmos.

O obxectivo é comprobar o desenvolvemento da técnica en ambos os dous casos, o nivel de implicación dos participantes e, sobre todo, corrixir posibles erros para que o proxecto evolucione de forma positiva e logre o seu fin, que non é outro que reciclar a materia orgánica en orixe e pechar o ciclo de aproveitamento da mesma na propia vivenda, utilizando o abono obtido como acondicionador e fertilizante de solos.

Se ben no caso da compostaxe doméstica, necesariamente as vivendas que a practican deben ser unifamiliares e dispoñer de terreo (xardín, horta ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante, a vermicompostaxe, protagonizada por lombrigas de terra que inxiren a materia orgánica e a excretan en forma de humus, non está supeditado a esta esixencia, podendo levar a cabo incluso na terraza de calquera piso.

A pretensión do concello é seguir un estudado protocolo de actuación para garantir a asistencia a todos os veciños que participan nesta iniciativa e que estes se sentan respaldados e apoiados nunha tarefa que contribúe en gran medida á prevención e redución de residuos.

CARA Á SOSTIBILIDADE

E é que, de levarse a cabo de forma axeitada, o concello poderá diminuír a cantidade de lixo a entregar a Sogama e, xa que logo, o importe da factura para pagar a esta empresa pública, amén doutras vantaxes ambientais e sociais, como son a diminución da frecuencia de recollida e transporte, coa conseguinte minoración de emisións de CO2, e a recuperación dunha práctica tradicional en Galicia: a separación da materia orgánica para alimento do gando ou elaboración de compost.

Os usuarios xa foron formados no seu momento a través de senllos cursos presenciais impartidos por técnicos especialistas, tanto no ámbito da compostaxe doméstica como no da vermicompostaxe, dotándoos igualmente con guías e manuais específicos en cada caso.

Con esta primeira visita, o concello de As Pontes pretende recabar toda a información posible para corrixir, de ser o caso, posibles incidencias que poidan xurdir desde a dimensión práctica, e garantir desta forma uns bos resultados finais que, sen dúbida, redundarán en beneficio de todos os ponteses, tomando como referencia os requisitos e preceptos da economía circular.

Programa de compostaxe denominado #compostdacasa