As Pontes, 25 de setembro| A primeira tenente de alcalde, Montserrat García; o presidente de Sogama, Javier Domínguez, e o xerente de Ecocelta, Javier Quiroga, presentaron hoxe na Ecoescola das Campeiras o novo proxecto de compostaxe doméstica e vermicompostaxe que se desenvolverá, durante os vindeiros meses, na nosa vila.

Trátase dunha iniciativa piloto coa que se buscará reciclar a materia orgánica en orixe e pechar o círculo de aproveitamento da mesma nos fogares ponteses. Segundo explicou a tamén concelleira de Atención Cidadá, este proxecto realizarase mediante o reparto gratuíto de medio cento de composteiros, 25 de vermicompostaxe e outros tantos de compostaxe doméstica, que se distribuirán entre as familias pontesas interesadas e que tamén recibirán formación para participar nesta iniciativa.

Montserrat García tamén deu conta dos grandes beneficios deste programa que permitirá reducir a xeración de lixo e polo tanto a súa recollida; aminorar o importe da factura que o Concello debe aboar a Sogama e, recuperar unha práctica tradicional como é a separación dos restos orgánicos.

Pola súa parte, Javier Domínguez calificou esta iniciativa coma un proxecto innovador, que integra dúas técnicas de tratamento da fracción orgánica dos residuo que, aínda que diferentes dende o punto de vista conceptual, se complementan cun obxectivo común: reducir a xeración de refugallos domésticos e transformalos en recursos. Unha iniciativa que será levada tamén a outros concellos galegos.

Montserrat García e Javier Domínguez explicaron cómo se desenvolverá este programa mediante técnicos especialistas na materia que se encargarán de informar e formar aos participantes interesados. Tamén se repartirán 50 composteiros gratuítos, manuais específicos de apoio para cada tipo de sistema de compostaxe e, por suposto, realizarase unha intensa labor de seguemento dun proceso que se desenvolverá ao longo de case dez meses.

Tras desta primeira presentación, agora está previsto que se desenvolvan charlas informativas nas asociacións locais durante o mes de outubro para dar conta desta interesante iniciativa e para recoller as pertinentes inscrición. Xa en novembro, desenvolveranse os cursos formativos para aqueles que desexen anotarse neste programa.