As Pontes, 13 de setembro| O Concello de As Pontes aprobou hoxe, en sesión plenaria ordinaria, unha partida de 2.472.655 euros, que terán como destino 60 obras e proxectos tanto no casco urbano coma nas parroquias.

Un listado de obras e inversións que, tal e como apuntaron dende o equipo de goberno, redundan na mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas e que se acometerán con cargo ao remanente de tesourería co que conta o Concello.

Segundo explicaron dende o departamento municipal de Facenda, grazas a que se traballa cun orzamento vivo ao longo de todo o ano e que as contas municipais están saneadas é posible ir financiando sen risco económico algún, novas obras e proxectos que, nun principio, non formaban parte dos orzamentos municipais do exercizo en curso.

Así as cousas, a partida máis importante terá como destino a adquisición de chan industrial no polígono de Penapurreira, con 400.000 euros. Outros 360.000 euros destinaranse á adquisición de solares e parcelas no casco urbano para uso público, namentras que para a Casa Dopeso irán algo máis de 75.000 euros para traballos de aillamento e tratamento das humidades, pintura e accesibilidade e tamén para un novo equipamento acústico.

Outros 51.390 euros serán para a construcción dunha glorieta no cruce entre a rúa Monte Medulio e a avenida das Campeiras, 48.054 euros irán para a construcción dunha ponte sobre o rego do Palmeiro (Goente) e 60.000 euros terán como fin a construcción dun novo módulo de nichos no ceminterio dos Alimpadoiros.

Asemade, preto de 136.000 euros destinaranse aos traballos de acondicionamento e mellora de varios parques infantís coma os ubicados no Poboado do Barreiro, a rúa Celso Emilio Ferreiro, o Campo da Feira, a Canle IV ou a zona verde ubicada a carón do Centro de Día.

Para traballos de aglomerado, rebacheo, pintado de viais ou reposición de sinais destinaranse case 385.000 euros o que suporá actuacións nos Chaos, o Poboado do Barreiro, nas rúas Viveiro e Rego do Campo na avenida de Ortigueira e tamén en diferentes pistas e estradas do rural. A isto hai que sumar outros 40.000 euros que permitirán mellorar a accesibilidade na avenida Castelao, 56.000 euros para a reparación do muro do Ceminterio das Campeiras, os muros da Fraga, as marquesiñas do parque de Dona Rita, a rehabilitación da fachada do matadoiro municipal ou as barandas da rúa Juan Antonio Suances.

Outros 51.950 euros servirán para substituír para a substitución do servizo de saneamento da Avenida da Habana e preto de 18.000 euros destinaranse a unah nova rede de saneamento na Avenida de Lugo; unha partida de 38.520 euros será para os traballos de formigonado do camiño lateral do Poboado do Barreiro, 42.350 euros irán destinados á traída de auga en Sucadío e 20.000 euros serán para a reparación da praza da Lembranza da Casilla.

Outra importante partida, de case 90.000 euros, será para o arranxo de beirrarrúas nas rúas Ourense, Virxinia Pereira, Juan Antonio Suances, Caraveis, Rego do Campo e Sergio Rivera Chao ao que sumará a colocación dun novo peche no Conservatorio de Música por 47.252 euros, a ampliación do local da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil cun orzamento de case 28.000 euros, a rehabilitación das antigas casetas do punto limpo por un total de 54.352 euros, a construcción dun portal de acceso ao lago na Esfarrapa por 60.000 euros, diversas actuacións de mellora na caseta do polbo por un total de 157.000 euros ou a posta en marcha dos hortos urbanos por 45.000 euros.

Os algo máis de 165.000 euros restantes destinaranse ao pago de facturas, liquidacións de diferentes obras ou proxectos culturais coma o de enbelecemento urbano impulsado pola Concellería de Cultura que suporá un desembolso de 20.570 euros.

Este importante paquete de inversións recibiu unicamente o respaldo do equipo de goberno,  namentras que o BNG optou polo voto en contra e Xuntos por As Pontes pola abstención, ao non estar dacordo co criterio de elección destes proxectos.

Ao longo da extensa sesión de hoxe tamén se acordaba, desta vez por unanimidade, designar o parque do Poboado do Anguieiro coma parque Ignacio Echeverría, en homenaxe ao veciño pontés que, o pasado mes de xuño, falecía nos atentados terroristas de Londres.

Tamén se concederon 336.000 euros en diferentes subvencións nominativas que foron aprobadas só cos votos favorables do grupo de goberno, así Protección Civil contará cunha achega de 12.000 euros; a asociación Seara con 20.000 euros; Cohempo levará 18.000 euros; o clube Deportivo As Pontes recibirá 200.000 euros; o colectivo animalista Pegadas Solidarias percibirá 25.000 euros para as súas actividades e, finalmente, Amigos da Música contará con 61.000 euros.

No capítulo de mocións, houbo unanimidade da Cámara en respaldo da proposta de Xuntos por As Pontes para demandar a incorporación do Pazo de Meirás e as esculturas do Mestre Mateo en poder da familia Franco ao patrimonio público, namentras que se retiraba da orde do día unha segunda moción en relación ás obras de mellora da DP-7003, para facer conxuntamente unha declaración institucional de apoio a este arranxo.