Comezan as obras da quinta fase de mellora do Poboado da Fraga

128

As Pontes, 12 de marzo 2019. A semana pasada comezaban as obras da última fase de mellora de pavimentos e servizos no Poboado da Fraga, financiadas pola Deputación da Coruña a través do Plan do Obras e Servizos ( POS 2018).

Esta actuación, coa que se alcanza a quinta fase de rehabilitación do Poboado da Fraga, supón un investimento de 126.441,25 euros, superando todo o proxecto, incluíndo o aglomerado dos viarios, os 670.200 euros.

Os traballos que están a ser executados pola empresa Gestal e López, continúan coa liña estrutural e estética das fases anteriores e están encamiñados a mellorar o servizo público de iluminación coa instalación de novas canalizacións e a disposición de novos báculos e luminarias ao longo de todo o percorrido das beirarrúas.

Procederase tamén á renovación da rede de saneamento mediante a substitución das actuais instalacións de pluviais, por colectores de PVC, e a renovación das arquetas de paso e os pozos de rexistro.

Este proxecto tamén suporá a mellora dos pavimentos das beirarrúas para dotalas de maior calidade superficial e estrutural, incrementando a seguridade, mobilidade e accesibilidade na zona, impulsando o tránsito peonil.

Así mesmo, esta actuación tamén contempla a renovación do parque infantil existente na zona, coa ampliación da área de xogo, a substitución do pavimento de caucho e a varanda de protección e a instalación de novos elementos de xogo, seguindo as normas de seguridade vixentes.