Comeza en As Pontes o curso de verán da USC “Organización e xestión de entidades deportivas”

41

As Pontes, 29 de xuño de 2018. Esta tarde botaba a andar, en As Pontes, o curso de verán “Organización e xestión de entidades deportivas” organizado pola Universidade de Santiago de Compostela.

Esta acción formativa, na que participarán 30 alumnos e que se desenvolverá ata o domingo, nas instalacións da Casa Dopeso, contou, na súa xornada de inauguración coa presenza do concelleiro de Deportes, Jesús Tembrás, María del Mar Lorenzo Moledo, vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos e vicepresidenta da Fundación USC Deportiva e o xerente da Fundación USC Deportiva, Óscar Hermida.

Durante o acto de apertura do curso, Tembrás agradeceu a presenza ós asistentes e convidounos a “sacarlle o máximo partido a estas xornadas que teñen como obxectivo prioritario brindar ós profesionais do sector deportivo os coñecementos e recursos precisos para adaptarse ás necesidades e desafíos que implican a dirección, xestión e administración das entidades deportivas no momento actual”.

Esta é a primeira vez que As Pontes acolle un curso de verán da Universidade de Santiago de Compostela e, nese sentido, o concelleiro subliñou a importancia deste feito por considerar fundamental achegar á Universidade ós pobos para que os seus veciños se podan nutrir do coñecemento e a experiencia que aporta esta institución académica.

Programa

Tras o acto de inauguración, tomou a palabra David Fabeiro Agraso, experto en Seguridade de Instalacións e Eventos Deportivos pola UCLM quen amosou ós asistentes a importancia da elaboración de plans de seguridade para eventos deportivos no eido local.

A continuación, Emilio García Silvero, ex-director do Departamento xurídico da Real Federación Española de Fútbol e actual director do Departamento de Integridade da UEFA fixo unha reflexión sobre futuro inmediato das federacións deportivas autonómicas, nacionais e internacionais e as  perspectivas de cambio ante o novo proxecto de Lei do Deporte.

O sábado, o curso contará coa presenza de  José González-Dans Vázquez, director xeral corporativo R.C. Deportivo de La Coruña, Cristina Pedrosa Leis, vogal do Tribunal Administrativo do Deporte e ex-membro do Comité Galego de Xustiza Deportiva, e José Villanueva Penas, sponsorship manager en Hijos de Rivera SAU, poñentes que abordarán cuestións como a xestión económico-financeira das entidades deportivas, a xurisdición ou o patrocinio deportivo.

Na xornada do domingo participarán, entre outros relatores, Leonor Gallardo, profesora titular da UCLM (acreditada a catedrática), investigadora principal do Grupo IGOID e CEO de IGOID SPORTEC e Guti Martín, xerente Sherpa Project, Consultores en Turismo e Deporte que falaran sobre o liderato e o talento na xestión do deporte, o uso das novas tecnoloxías no eido da xestión deportiva, ou o turismo deportivo como forma de promoción das entidades municipais.