Comeza a remodelación integral da Rúa Chamoselo

292

As Pontes, 17 de abril de 2018. O Concello de As Pontes iniciou as obras de mellora e acondicionamento da rúa Chamoselo que permitirán a reurbanización integral do viario. As actuacións, cun orzamento de 159.905 euros, están destinadas a mellorar a funcionalidade e a accesibilidade da rúa.

A reforma que inclúe a creación de beirarrúas máis amplas para os peóns e bandas de aparcamento en liña, a ámbolos dous lados, tamén contempla a mellora da pavimentación polo que se procederá á substitución do pavimento das beirarrúas e á rehabilitación do firme da calzada.

A tenente de alcalde, Montserrat García subliñou que outro dos obxectivos da reforma integral da rúa Chamoselo é mellorar a seguridade viaria da zona e nese sentido recordou que “a remodelación da rúa implicará un cambio de circulación, a vía pasará a ser de único sentido, con entrada desde a Avenida de Lugo e con saída cara á Vía Romana, mellorando así fluidez do tráfico, garantindo a seguridade de todos os veciños e peóns e facendo que a rúa Chamoselo sexa máis habitable.”

Outras das actuacións que se levarán a cabo ó abeiro deste proxecto son a instalación dunha nova rede de alumeado público, de maior eficiencia enerxética, e una rede separativa de saneamento que permitirá substituír a rede unitaria actual.

O proxecto de mellora e acondicionamento da urbanización da rúa Chamoselo está sendo executado polo empresa Obras y Viales de Galicia, SL e ten un período aproximado de execución de tres meses.