COMENZAN AS OBRAS DA FASE II DA AVENIDA DE GALICIA

288

As Pontes, 11 de xaneiro de 2018.  O luns, 14 de xaneiro, comezan as obras de mellora de pavimentos e servizos na Avenida de Galicia Fase II, no tramo que vai desde o cruce coa Rúa Alexandre Bóveda ata a intersección coas rúas Santiago Apóstolo e Vilar Pontes.

Esta actuación, cun orzamento de licitación de 180.372,92€ e financiada, integramente, pola Deputación de A Coruña a través do POS (Plan de Obras e Servizos) daralle continuidade ó proxecto de rehabilitación, humanización e mellora da accesiblidade do centro urbano, tras a renovación da Praza do Hospital e as obras da primeira fase da Avenida de Galicia.

Os traballos están encamiñados a eliminar o nivel existente entre a estrada e as beirarrúas, substituír a capa de rodaxe existente por aglomerado impreso, ampliar as beirarrúas e mellorar os servizos de alumeado e saneamento. A actuación inclúe tamén a instalación de novo mobiliario urbano (papeleiras, xardineiras e bancos) e a renovación dos alcorques.

As obras comezarán na marxe par da estrada, para logo pasar ó lateral impar, á vez que se habilitarán dous carrís de circulación aproveitando a zona de estacionamento. A estrada só se pechará ó tráfico na última etapa da actuación, para realizar os traballos de aglomerado do viario.

Desde o Concello de As Pontes sinalan que “se trata dun proxecto moi ambicioso que permite continuar coa política do grupo de goberno para garantir a calidade de vida da veciñanza, apostando pola humanización e a mellora da accesibilidade dos espazos urbanos, promovendo a seguridade, a mobilidade e a comodidade para darlle prioridade ós peóns, seguindo a mesma liña estrutural e estética prantexada para todo o casco urbano do municipio”.