As pontes, 2 de outubro| Á marxe da Feira do Queixo e do Mel de onte, a Casa do Mel de Goente tamén estivo do máis concorrida ao longo da xornada do sábado e é que non podían faltar as tradicionais Xornadas Apícolas, que edición tras edición, logran atraer a xiareiros do mundo apícola e expertos neste campo.

Así, xa ao longo da pasada semana, tivemos a oportunidade de achegarnos ás primeiras actividades destas xornadas coas catas de mel claro e escuro que, anualmente, permiten escoller os mellores meles da comarca. Unhas catas que o sábado, viñeron seguidas dunha xornada formativa co propóleo como eixo central.

Para abrir a mañá contouse cos expertos Celso Cadahía e Leona Rehakova que presentaron un sistema de colmeas termosolares co que combatir, mediante as altas temperaturas, á varroa, un insecto que parasita larvas e abellas adultas.

Cadahía e Rehakova deron conta de cómo xurdía esta idea que permite combatir este parátiso dun xeito ecolóxico, ao non aturar as altas temperaturas. Este novo tipo de colmea calorífica quéntase por efecto dos raios de sol ata un máximo de 47 graos, o que elimina á varroa que non é quen de superar os 40 graos máis de dúas horas, namentras que as abellas sobreviven sen problema algún.

Tras desta interesante charla, o protagonismo foi para o propóleo, unha resina que conta con moitos posibles usos no mundo da alimentación ou da cosmética.

Para abordar este tema, ata Goente, se desprazaron a doutora en Bioloxía da Universidade de León, Estrella Alfaro; e o farmacéutico e licenciado en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, Félix Adanero.

Os dous expertos deron conta de cómo unha abella elabora o propóleo da man da mestura do seu cuspe, o seu propio cerume e diferentes substancias que recollen das árbores e prantas, unha composición moi beneficiosa que se emprega como base para numerosos produtos, sobre todo cosméticos ou mediciñais.

E é que o propóleo conta con propiedades analxesícas, antiinflamatorias e antivirais, ao que se suman os múltiples usos en xabróns ou cremas para o coidado diario. Pero non só Alfaro e Adanero se adicaron a ofrecer contidos teóricos senón tamén prácticos, así xa á tarde impartiron un exitoso taller gratuíto no que os participantes elaboraron as súas propias tinturas, xabrón de glicerina con propóleo e ata saboroso mel, unha actividade que rexistrou unha gran participación xa que houbo que elaborar unha lista de agarda ante a gran demanda e xa se está a traballar na posta en marcha dun segundo taller semellante ao realizado o pasado sábado.