As Pontes, 27 de febreiro|

  • O Concello, coa organización do Centro de Información á Muller, abrirá o 1 de marzo un extenso calendario de actividades para traballar en prol da igualdade real con veciños e veciñas de todas as idades

O Concello de As Pontes vaise sumar, un ano máis, ás conmemoracións do Día Internacional da Muller e farao da man dun extenso programa de actividades co que se busca implicar a veciños e veciñas de todas as idades e, deste xeito, fomentar e traballar pola igualdade real entre homes e mulleres.

Así as cousas o Centro de Información á Muller (CIM), dependente da concellería de Benestar Social, volverase encargar de coordinar as diferentes actividades impulsadas polos departamentos de Deportes, Atención Cidadá e Cultura e nas que estarán implicadas dende a Radio Televisión Municipal ata a Biblioteca Enrique Rivera Rouco, os centros educativos ponteses ou o Clube de Atletismo Olympo.

Este mesmo xoves, día 1, arrinca a primeira das actividades, co contacontos Quérote case sempre, de Anna Llenas, que chegará aos estudantes de 6º de Educación Infantil dos diferentes colexios ponteses.

Xa para o día 7, na biblioteca municipal, realizarase unha nova edición do programa radiofónico Voces pola Igualdade, da man da radio municipal RTVEUME, e no que haberá entrevistas, música, lecturas e diferentes espazos sempre coa muller e o seu papel na sociedade como eixo principal.

O xoves 8 de marzo, dende o salón de Plenos da Casa do Concello, darase lectura a un novo manifesto pola Igualdade para, ao día seguinte, celebrar unha charla coloquio sobre a igualdade real entre homes e mulleres e que irá dirixida aos participantes do obradoiro Pontes de Emprego.

Asemade, desenvolverase unha segunda charla, neste caso o 19 de marzo, que levará por título Violencia sexual: Reflexións e que estará aberta a todo o público. O escenario escollido será a biblioteca municipal Enrique Rivera Rouco e as poñencias correrán a cargo da coordinadora da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME), Estrela Gómez; e o coordinador do centro ferrolán O Mencer, Roberto Ferreiro.

Como xa é habitual, o traballo cos escolares será un dos principais piares da programación do Día Internacional da Muller e é que ademáis dos contacontos de Anna Llenas, vaise reeditar a Semana da Muller nas Escolas que, nesta ocasión, levará por título Traballamos igual: rompendo moldes. Así entre os días 19 e 23 de marzo, os centros educativos de Primaria recibirán a visita dunha particular fotógrafa que mediante, diferentes instantáneas, identificará os roles que pequenos e pequenas teñen asociados ao papel do home e da muller no día a día. Asemade, realizarase unha sesión de teatro con esta mesma temática.

A escritora e xornalista Montse Fajardo tamén regresará á programación municipal das Pontes con motivo do 8 de marzo. De feito, trala súa participación o pasado ano cunha charla sobre mulleres galegas que tiveron que facer fronte e vivir a represión franquista e o levantamento de 1936, agora presentará o seu último traballo Invisibles, diferentes relatos reais de vítimas da violencia de xénero. Será o 15 de marzo na biblioteca Enrique Rivera Rouco.

O deporte tamén estará presente, neste caso coa III edición do Corre por Elas que se volverá incluír na tradicional carreira pedestre de San Xosé que organiza o Clube de Atletismo Olympo.

Así o 18 de marzo aproveitarase para facer deporte coa andaina e a carreira popular pola Fraga de Dona Rita e os seus arredores e tamén para recadar fondos para a asociación Ve-la Luz, que traballa con mulleres e nenos vítimas da violencia de xénero.

As exposicións pechan este extenso e intenso programa con dúas mostras: a primeira Lecturas Feministas que, entre os días 5 e 28 de marzo, atoparemos na biblioteca municipal Enrique Rivera Rouco e xa a segunda Iguais: eu vou ser…, un traballo dos alumnos e alumnas do CEIP Atios, de Valdoviño, que abrirá as súas portas entre os días 19 e 23 de marzo, na Casa Dopeso.