As Pontes, 2 de outubro| Os Institutos Castro da Uz e Moncho Valcarce deron a coñecer, o pasado venres, a importante oferta de ciclos formativos cos que contan nas súas instalacións.

A iniciativa, que levou como nome Encontro Ensino Empresa, contou coa colaboura do Concello de As Pontes, mediante a concellería de Emprego, e as asociacións COHEMPO e Seara ás que tamén se sumou a Consellería de Educación.

A xornada arrincou no Centro de Dinamización Empresarial de Seara, no polígono de Penapurreira, onde se deron cita os representantes de varias empresas da contorna para participar nunha primeira toma de contacto con todas as partes implicadas.

Alí a edil Ana Pena explicou a necesidade de dar a coñecer ás empresas da contorna a formación que se ofrece nas Pontes para que, entre ámbalas dúas partes se cree unha relación complementaria que adapte a formación ao que se precisa no mundo real e que permita, tamén establecer nexos de unión a empresarios e estudantes.

A concelleira tamén amosou a súa satisfacción pola posta en marcha deste tipo de iniciativas ás que, tal e como explicou, se seguirá a apoiar dende a administración local.

Tamén na mesma liña se expresaron dende as asociacóns Seara e COHEMPO. Os seus presidentes, José Castro e José Rodríguez, subliñaron a importancia de xornadas coma as celebradas o pasado venres para unir formación e realidade e fomentar unha cultura emprendedora entre os máis novos, como base da economía do futuro.

Non podían faltar, os equipos directivos de ámbolos dous. Javier Anca e José Antonio López anunciaron a súa intención de continuar nesta mesma liña de traballo, ideando novas iniciativas que permitan estreitar relacións e sinerxias entre empresas e centros formativos.

Posteriormente, xa se daba inicio a unha presentación da oferta formativa de ámbolos dous centros: por un lado do ciclo de Laboratorio e Análise de Control de Calidade que, cada dous anos se imparte no Moncho Valcarce, e por outra banda, os ciclos de Automoción, Electrónica, Administración e Finanzas ou de Formación Profesional Básica cos que conta o Castro da Uz, uns ciclos que tamén os participantes puideron coñecer máis polo miúdo, e é que non faltaron as visitas aos distintos laboratorios e aulas de formación cos que contan estes dous centros.

Todo isto na compaña de mestres e alumnos das diferentes modalidades formativas e que se encargaron de explicar os traballos, prácticas ou actividades que, a diario se desenvolven nestas instalacións.

Tras desta intensa mañá, tocaba sacar conclusións e poñer en común todos os aspectos desta visita. Entre as suxerencias aportadas polos participantes a posible organización de visitas máis específicas adicadas a unha temática formativa concreta. Suxerencias das que tanto o Castro da Uz coma o Moncho Valcarce ou o propio Concello tomaron boa nota para experiencias futuras e e é que estes encontros Ensino Empresa veñen de nacer pero para quedar.