O Concello aproba obras por importe de case 3 millóns de euros do POS da Diputación Provincial

329

As Pontes, 19 de decembro| Esta mañá celebrábase un pleno municipal que tivo carácter extraordinario.

A premura obedecía á necesidade de comunicar xa as obras que sa van incluir no POS 2018, o que actualmente é xa un Plan único para os concellos.

Tocaba dar o visto bo pola corporación local ás obras que son de competencia municipal, anque sufragadas con fondos provintes da Deputación, no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos.

O goberno local sacaba adiante a súa proposta de obras co voto favorable do Bloque e a abstención de Xuntos por As Pontes.

Anque si houbo críticas por non ter consensuado este listado co resto dos grupos, tanto Xuntos por As Pontes como BNG recoñecían o interese das obras a acometer con cargo a este Plan único.

Dende as bancadas do goberno alegábase que se informou ós veciños afectados, cos que si se traballou en conxunto, e lembrábase que se fixera xa unha Comisión informativa o pasado venres.

O primeiro foi ratificar a uxencia da sesión, no que si houbo unanimidade, pois mañá remata o prazo de presentación, e xa se conta co visto bo do informes técnicos e xurídicos.

A inversión, de case tres millóns de euros, dos que 1.367.000 se irán ó rural, adicarase integramente a investimentos.

Entre as obras a acometer pódense salientar a rehabilitación, para usos sociais, da antiga escola do Paraño, ou a instalación dun módulo prefabricado coa mesma fin en Pontoibo, así como unha mellora e renovación no edifício que acolle a escola infantil A Barosa.

Logo afrontaranse tamén obras de mellora de pavimentacións e servizos en zonas como a Avda de Galicia, os Poboados de O Barreiro e A Fraga, a Rúa Castelao, ou a Narón, e actuacións viarias tamén en A Faeira, Goente, Somede ou Aparral.

Montserrat García agradecía o apoio do Bloque e os parabéns de Xuntos por As Pontes, e lembraba que este listado foi decidido logo de escoitar á veciñanza.

“Nós mantemos reunións periódicas con todo o tecido asociativo local, e evidentemente co veciñal, e estas actuacións son todas moi precisas e están informadas ós afectados, e contouse con eles para os proxectos pertinentes. Claro que habería que abordar máis actuacións e en máis lugares, pero niso estamos aproveitando os recursos propios e os que nos chegan. Desta vez tentamos atender tanto ó rural como ó urbán, e sempre en aras de ofrecer mellores servizos a toda a veciñanza”.

E é que no último pleno do ano, a asistencia foi escasa, con ausencias no grupo de goberno e do representante popular, anque con quorum suficiente para desenvolver unha sesión que cobraba urxencia polo xusto das datas para acollerse ó Programa provincial.

Relación de obras:

  • Mellora da accesibilidade e pavimentos da Avenida Castelao. Fase II. Orzamento total: 179.062,87€
  • Reparación e mellora de firme en Murazoso e A Redonda. Orzamento total: 51.051,01€
  • Mellora de pavimentación e servizos na rúa Narón. Orzamento total: 170.000,00€
  • Mellora de servizos e seguridade vial na marxe esquerda da AC-564, en Goente. Orzamento total: 272.670,92€
  • Reparación e mellora de firme en Pedrafita e Somede. Orzamento total: 50.462,81€
  • Acondicionamento e reparación de antiga escola unitaria para local social municipal, no Paraño s/n. Orzamento total: 183.817,71€
  • Subministración e instalación de módulo prefabricado para instalacións complementarias de actividades socioculturais en Pontoibo. Orzamento total: 112.386,08€
  • Obras de renovación e melloras en edificio de gardaría “A Barosa”. Orzamento total: 79.510,26€
  • Mellora de pavimentos e servizos na avenida de Galicia. Fase II. Orzamento total: 180.372,92€
  • Mellora de servizos e pavimentos no Poboado do Barreiro (5ª fase). Orzamento total: 160.013,96€
  • Mellora de servicios e pavimentos no Poboado da Fraga (5ª fase). Orzamento total: 155.466,92€
  • Mellora de pavimentos e servizos na rúa Roseiras (Grupo de programa 1532). Orzamento: 177.124,06€
  • Mellora de pavimentos e accesibilidade en rúa María Pita. Orzamento: 192.840, 29€
  • Instalación de saneamento e pavimentación en Marraxón de Arriba (As Pontes)(Grupo de programa 160). Orzamento: 84.529, 15€
  • Mellora de accesibilidade, pavimentación e acondicionamento da praza da Magdalena (Grupo de programa 1532). Orzamento: 234.724,56€
  • Mellora de pavimentación e servizos en avda. Ortigueira (cemiterio municipal) (Grupo de programa 1532). Orzamento: 79.194,50€
  • Mellora da pavimentación en viais municipais das parroquias de San Xoán do Freixo e Santa María das Pontes (A Casa da Bouza, Pazos, A Rega, O Torrillón, Garabatos, e Gondré)(Grupo de programa 453). Orzamento: 99.326,50€
  • Reparación de capa de rodadura en viais en Caivancas, Reboredos, Morixoso e Somede (As Pontes) (Grupo de programa 453). Orzamento: 74.853,96€
  • Reposición de rodadura de camiños de Caneiro, A Da, Lombo de Afonso, Bidueiro, Seixas, Castiñeiro e Pena do Traste. Orzamento: 142.450, 54€
  • Reparación e mellora de firme no Pazo, Os Cadabas, Paipaz, Pereira, Porvelo, e na Bouza (Grupo de programa 453). Orzamento: 179.349,21€
  • Asfalto de estrada nas Cancelas, Poupariña, Esvedral, e Penapurreira (Grupo de programa 453). Orzamento: 116.269,37€

Investimento total 2.975.477,60 €