As Pontes, 1 de Agosto do 2017

Co inicio do mes de agosto, os campamentos urbanos promovidos polo departamento municipal de benestar social e o centro de información á muller abriron a súa terceira quenda desta tempada e novamente cun gran éxito de participación, con case o 95% de ocupación das prazas ofertadas.

70 pequenos de entre 3 e 12 anos iniciaron, esta mesma mañá, nas dependencias do colexio da magdalena a súa participación nun programa que xa é todo un clásico cada verán, ademáis dunha gran axuda para as familias que deben conciliar durante os meses de vacacións escolares o coidado dos seus pequenos coas súas obrigas laborais.

Ao igual que nas quendas de xuño e xullo, a escola de tempo libre néboa e os seus experimentados monitores van ser os encargados de dirixir todas as actividades que se desenvolverán ao longo de cada xornada e, tamén coma xa acontecía nos meses anteriores, haberá servizo de almorzo e de transporte para aqueles campistas que precisen entrar máis cedo.

Tamén se manterá a temática dos diferentes obradoiros. Os animais seguirán sendo os protagonistas dos talleres ou xogos que se desenvolven diariamente. De feito, como novidade para esta quenda de agosto a programación da que poderán desfrutar os campistas vai dende a elaboración de marcos para fotografías con cartón, debuxos de animais coas mans, carautas con goma eva e maquillaxe animal ata deportes coma o tiro con arco, o hockey ou o voleiball, e por suposto, clases de inglés do máis entretidas nas que se traballará con vocabulario mariño e a nomenclatura de aves ou animais terrestres.

Por suposto, a cociña tamén terá o seu espazo, ao igual que nos meses anteriores e é que unha das iniciativas máis saborosas deste mes será un obradoiro de saborosos cupcakes con forma de animais ao que se sumarán visitas coma a dos voluntarios de Pegadas solidarias ou saídas polo pobo, con destinos tan atractivos coma os xardíns do campo da feira.

Un completo programa que non deixará nin un segundo para o aburrimento dos máis pequenos nin unha soa preocupación para os seus proxenitores que poderán facer fronte ás súas obrigas laborais no verán, sabendo que os seus fillos están ben atendidos.