A Biblioteca Municipal pon en marcha unha nova edición do programa Interclubtural

61

As Pontes, 13 de outubro| O Concello de As Pontes volvía poñer en marcha nestes días, o exitoso programa Interclubtural. Unha campaña promovida polo Servizo de Normalización Lingüística municipal, e que conta co patrocinio da Consellería de Educacion e Ordenación Universitaria. Trátase dun club de lectura ideado para a promoción do uso da lingua galega, que se desenvolverá en sesións semanais, todos os luns, dende as oito do serán.

Ao igual que en edicións anteriores, o principal obxectivo pasa por xuntar ás persoas nativas das Pontes con novos veciños e vecñas chegados de calquera parte do mundo, para que se coñezan mellor, para que coñezan mellor a historia, a lingua, e a cultura da nosa vila e de Galicia, ao tempo que os galegos se adentran na historia, a lingua, ou a cultura de quen chega doutras latitudes.

As dependencias da Biblioteca Municipal Enrique Rivera Rouco volven ser o escenario perfecto para este tipo de xuntanzas que distan moito do que é un clube de lectura habitual. De feito, en cada encontro, os participantes dan lectura a textos breves e material complementario que aporta o dinamizador do grupo para fomentar a participación de todos os presentes.

Interclubtural é un proxecto aberto a veciños de todas as idades e procedencias,con desexos de compartir as diferentes historias, culturas ou experiencias vitais de individuos nados en diferentes lugares do planeta. Así, todo aquel veciño que desexe participar tan só ten que achegarse á biblioteca municipal cada luns, dende as 20.00 horas.