As Pontes, 6 de setembro| Unha delegación da Asociación Portuguesa para o Patrimonio Industrial e do Comité Internacional para a conservación e defensa do Patrimonio Industrial (APPI-TICCIH Portugal) estivo durante a primeira semana de agosto coñecendo os recursos relacionados coa industria e a cultura do traballo industrial na nosa vila.

Esta entidade aglutina aos maiores especialistas portugueses en patrimonio industrial, e nesta viaxe participaron profesores universitarios da Escola de Artes da Universidade Católica Portuguesa e do Instituto de Historia Contemporánea da Universidade Nova de Lisboa, que gozaron dos diversos recunchos da nosa vila, ao tempo que coñeceron de preto as instalacións de Endesa, a entulleira, os parques industriais, o poboado das Veigas, e por suposto, o lago mineiro.

Este visita xurdiu tras a presentación do proxecto “As Pontes Experiencia Industrial” promovido polo IPPEC e a Concellería de Turismo, no “3º Congreso sobre Reutilización e Conservación de Patrimonio Industrial” celebrado no mes de xuño na cidade de Lisboa.

Por esta razón, un dos días adicouse a coñecer iniciativas de éxito en emprendemento rural que están a participar no proxecto de turismo industrial municipal, onde puideron coñecer de primeira mán Xaraleira e a Casa do Mel. A primeira é a maior granxa de micromamíferos da Península Ibérica, e a segunda un dos referentes da apicultura de Galicia.

Os representantes da entidade portuguesa expresaron o seu agradecemento ao Concello das Pontes pola hospitalidade e a súa intención de voltar proximamente, ao considerar As Pontes un exemplo de experiencia no ámbito industrial.