As Pontes, 26 de setembro| Un ano máis a Casa do Mel de Goente abrirá as súas portas a veciños de todas as idades da man dunha nova edición das Xornadas Apícolas do Eume, unha cita que volve contar co respaldo da Deputación da Coruña, o concello de As Pontes e Agaeume e que se sumará, tal e como xa adiantabamos o pasado venres, á novena Feira do Queixo e Mel da nosa comarca.

Este ano, esta convocatoria festexará a súa maioría de idade cun programa que arrincará o 2 de outubro e co que se buscará chegar tanto a escolares coma a xiareiros do mundo apícola de máis idade, vidos dende todos os puntos da comarca.

Así, para o día 2 de outubro, tocará recibir aos escolares de Educación Infantil e Primaria da nosa vila que, en grupos poderán aprender dende a facer candeas con cera ata como é o proceso de producción, recolección e envasado do mel.

Non faltarán os videos explicativos e, por suposto, unha saborosa degustación de mel que producen as abellas das colmeas da Casa do Mel e dos produtores que están asociados a esta entidade.

Xa entre os días 4 e 6 de outubro terá lugar a décima edición do certame de cata de mel, onde se escollerán as mellores meles claras e escuras da comarca, presentadas a este certame.

E para o sábado día 7, o programa desenvolverase ao longo de todo o día, cunha xornada formativa adicada ao propóleo e que se desenvolverá, integramente, na Casa do Mel.

Así, ás 10.00 horas presentarase a colmea termosolar, un tratamento ecolóxico para atallar a praga da varroa, e que darán a coñecer Celso Cadahía e Leona Rehakova.

Dende as 11.00 horas desenvolverase unha charla sobre o propóleo coa participación da biolóloga, Estrella Alfaro e o licenciado en Ciencia en Tecnoloxía dos Alimentos, Félix Adanero, con entrada libre.

Xa á tarde, ás 17.00 h, arrincará a derradeira das actividades da xornada cunha charla e posterior clase práctica sobre a aplicación práctica do propóleo. Durante a sesión elaborarase tintura e mel con propóleos e tamén diferentes artigos cosméticos. O taller contará con prazas limitadas, un total de 20, polo que será preciso anotarse previamente no teléfono 661 00 36 16 ou ben nas propias dependencias da Casa do Mel.

E para pechar tan intenso programa, xa o domingo día 8, teremos unha nova edición da Feira do Queixo do Eume e Mel de Goente, unha convocatoria que, de seguro volverá ser todo un éxito, e que ofrecerá un intenso programa de actividades para todo tipo de idades e gustos, dende as 10.30h do domingo e ata ben entrada a noitiña.