• O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, asinou co reitor da UDC, Julio Abalde, un convenio de colaboración que ten como obxectivo facilitar o acceso da veciñanza á formación vencellada á sustentabilidade.
  • A primeira colaboración entre a UDC e o Concello de As Pontes chegará da man da Universidade Sénior e o Vicerreitorado de Oferta Académica e Innovación Docente.

As Pontes, 10 de xaneiro de 2018. O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, asinou esta maña con reitor da UDC, Julio Abalde, un convenio marco de colaboración académica, científica e cultural que suporá a implantación, de xeito permanente, da institución universitaria no municipio.

O convenio supón, en palabras do rexedor “un paso histórico en prol de que As Pontes sexa capaz de sacar cabeza nun mundo cada vez máis tecnolóxico, onde o apetito científico debe formar parte do vocabulario diario e no que concellos tan industriais como As Pontes, con vocación de diversificar o seu tecido produtivo, poidan ter o seu papel, xogando a Universidade da Coruña un rol vital para axudarnos a ser unha referencia, apostando pola formación vencellada á sustentabilidade”.

Pola súa banda, Julio Abalde, reitor da UDC, apuntou que “para institución académica tamén é un fito importante a sinatura deste convenio marco de colaboración polo que a UDC sae da súa área xeográfica para instalarse en As Pontes e achegar as actividades, de formación e información, universitarias á toda a veciñanza”.

Este acordo entre ambas institucións ten como obxectivo facilitar o acceso da veciñanza de As Pontes á formación académica regrada e non regrada impartida pola UDC, promover actividades de investigación, divulgación e transferencia científica e actividades de extensión universitaria nos ámbitos cultural e deportivo así como calquera outra iniciativa orientada a espertar nos rapaces e rapazas da vila as vocacións tecnolóxicas científicas.

Os representantes de ambas institucións remarcaron que se trata da única aula de extensión universitaria e a segunda da provincia da Coruña e quixeron agradecer á veciñanza de As Pontes o esforzo para o seu mantemento, xa que “é unha gran aposta, que nos permitirá ler o futuro do ámbito enerxético, como socios colaboradores, coa mirada posta nas novas xeracións, para que se vencellen profesionalmente a sectores que se poidan establecer na comarca e contribuír a fixar poboación”

 

Universidade Sénior

A primeira colaboración entre a UDC e o Concello de As Pontes chegará da man do Vicerreitorado de Oferta Académica e Innovación Docente e a Universidade Sénior e do proxecto de democratización do coñecemento “Compartir experiencias e coñecemento”, dirixido a persoas maiores de 50 anos.

Trátase dun ciclo formativo, que se desenvolverá entre os meses de xaneiro e abril,  dividido en tres módulos centrados en aspectos relacionados coa eficiencia enerxética e a sustentabilidade social e económica, dentro de ámbitos como a historia, a sociedade, a bioloxía ou a educación, e a promoción de hábitos saudables, a prevención de riscos, a nutrición e a actividade física.

Cada seminario incluirá tres sesións teóricas, impartidas por profesores de la UDC, e unha sesión práctica que incluirá visitas a diferentes espazos de interese tales como Sargadelos ou o Lago de As Pontes, e unha clase práctica para aprender a controlar o estrés.

As persoas interesadas neste curso, que comezará o próximo 23 de xaneiro, xa poden formalizar, ata o 20 de xaneiro, a matricula a través da páxina web da UDC  https://www.udc.es/, con apoio desde o Concello a través dos técnicos de cultura e da Universidade Sénior.  A matrícula é de balde.