O proxecto conta coa financiación da Deputación da Coruña

Trata de mellorar a saúde e calidade de vida das coidadoras informais de persoas dependentes

 As Pontes, 11 setembro de 2019. O Concello das Pontes súmase ao programa Cuidadanas, posto en marcha pola Fundación Mujeres, coa financiación da Deputacion da Coruña, co obxectivo de ofrecer ás coidadoras informais do municipio un recurso de orientación, acompañamento e apoio, tanto a nivel emocional, formativo, persoal como social, para paliar as consecuencia que implican coidar a persoas en situación de dependencia.

Na actualidade estímase que o 76% das persoas que prestan coidado ás persoas dependentes son mulleres, feito que segundo Tania Pardo, concelleira de Benestar Social e Igualdade “repercute no benestar, saúde, autotestima, vida laboral, relacións familiares e persoais destas mulleres. No Concello das Pontes somos conscientes desta realidade e, a través da adhesión a este programa buscamos contribuír a mellorar a calidade de vida das nosas veciñas, mulleres coidadoras,  ex-coidadoras e futuras coidadoras, promovendo o seu desenvolvemento persoal e social a través de actividades que lles permitan relacionarse con mulleres en situacións similares”

Así, o mércores, 9 de outubro, no Concello das Pontes porase en marcha a primeira acción formativa, de balde, ao abeiro deste programa, na que a través de catro obradoiros abordaranse aspectos como o autocoidado, a xestión emocional, a autoestima ou as habilidades de comunicación.

O primeiro taller desenvolverase os días 9, 16 e 23 de outubro baixo o lema “Quen coida de  min”. As participantes obterán claves para mellorar a súa saúde e autocoidado, orientada a paliar os riscos de saúde asociados ás malas prácticas e hábitos prexudiciais en relación ás tarefas que desenvolven como coidadoras.

Os días 30 de outubro e 6 de novembro desenvolverase un taller sobre relaxación e conciencia corporal que dará paso, o día 13 de novembro, a un taller sobre regulación de conflitos baixo o título “Aprendendo a negociar”.

O ciclo formativo finalizará o mércores, 20 de novembro, cun taller sobre a xestión da culpa para poñer á disposición das participantes unha serie de ferramentas encamiñadas a minimizar as problemáticas derivadas do coidado de persoas dependentes.

Todos os talleres se desenvolveran os mércores, de 10:30 a 12:30 horas na sala polivalente da Casa  Dopeso e aquelas mulleres que estean interesadas en participar ou queiran solicitar máis información poden poñerse en contacto co Departamento de Benestar Social (Casa Dopeso, Rúa Rosalía de Castro, 28, 2º andar) do Concello das Pontes chamando ao número de teléfono 981 44 10 08.