As Pontes, 14 de outubro de 2019. O Concello das Pontes porá en marcha, a vindeira semana, o programa “Se buscan héroes-Woman Edition” para a mellora da empregabilidade e apoio ao emprendedurismo entre as mulleres, menores de 30 anos, do municipio.

Este programa, organizado pola Fundación Equipo Humano, co apoio da Fundación Incyde e a confinanciación do Fondo Social Europeo, busca, en palabras da concelleira de Emprego, Ana Pena “contribuir a loitar contra a fuga de talento, a desmotivación e a alta taxa de desemprego xuvenil e feminino a través da formación para alcanzar unha mellor integración das participantes no mercado laboral actual e, asemade, facilitar o emprendedurismo e o lanzamento de novos proxectos empresariais na nosa vila”.

O obxectivo desta iniciativa é deseñar e executar itinerarios integrais de emprendemento e procura de emprego para 15 mulleres nos que se inclué formación en metodoloxías de innovación e desenvolvemento persoal.

A través destes itineraios tamén se traballarán aspectos necesarios para mellorar as súas competencias profesionais e incrementar a súa empregabilidade, tales como a creatividade, a empatía, organización, traballo en equipo, adaptabilidade ou preseveranza.

Serán 75 horas de formación en sesións presenciais nas que se afondará en cuestións como a creación da marca persoal, economía circular, finanzas persoais e empresariais, networking ou habilidades de comunicación, que se completarán con 50 horas de formación online nas que se empregará a metodoloxía Lean StartUp como base para a creación dunha empresa ou a procura eficaz de emprego.

Unha vez finalizado o itinerario, as participantes terán acceso a 15 horas de orientación e mentorización individualizada en materia de emprendemento para desenvolver unha idea de negocio con maiores garantías e impulsar a súa empregabilidade.

Por outra banda, durante a duración de toda a acción formativa, un equipo de profesionais ocuparanse de realizar prospección laboral para achegar diferentes ofertas de emprego ás participantes.