As Pontes, 18 de xullo de 2019.   O Concello de As Pontes sumou hoxe, durante o transcurso dunha reunión celebrada no salón de plenos municipal, o apoio dos concellos das comarcas de Ferrolterra e Terra Chá para reclamar, ao goberno de España e a Europa, a posta en marcha dunha política de transición enerxética gradual e xusta.

Este encontro, en declaración aos medios do rexedor local, Valentín González Formoso tiña como obxectivo “poñer en común a preocupación das comarcas de Ferrolterra e Terra Chá, que son as máis prexudicadas pola parálise da central térmica de As Pontes, debido aos altos prezos  das emisións de CO2 que marca Europa, e que fan que esta planta non poida ser competitiva”.

Nese sentido, González Formoso apuntou que “se está a especular co aire que respiramos, deixando entrar no mercado de venda de dereitos de emisións a especuladores dun país que nin firma o Protocolo de Kioto nin o acordo de París pero que está a xerar unha burbulla con estes dereitos, coas consecuencias que isto supón para a industria de todo o país”.

Así, González Formoso subliñou que este problema tamén se fará extensivo, nun futuro, a outras partes do país, onde a industria é eixo central da economía, e “esta situación xa fixo que Galicia perdese o 20% do seu sector industrial no último trimestre”.

Durante o encontro, no que participaron os alcaldes dos concellos de Vilalba, San Sadurniño, Valdoviño, Ferrol, Fene, Narón, Xermade, Cariño e As Somozas, xunto con membros das corporacións municipais de A Capela, Ortigueira e Lugo, rexistrouse un respaldo unánime a calquera medida que encabece o concello pontés, en relación a esta problemática. 

Así, todos os rexedores e concelleiros presentes no encontro asinaron un documento que se enviará, nos próximos días, tanto ao Ministerio de Transición Ecolóxica coma á Comisión Europea, para reclamar unha transición enerxética xusta e unhas políticas que permitan retomar a actividade produtiva da central térmica de As Pontes. 

Por outra banda, González Formoso, recordou que se está agardar, a que se conte cun goberno central plenamente operativo que permita poñer en marcha a comisión de traballo, que se acordaba a pasada semana en Madrid, no Ministerio de Transición Enerxética, ou a aplicación de medidas coma a retirada do céntimo verde ao carbón.