As Pontes será sé, o vindeiro día 20, das II Xornadas de Atención Integral Centrada en Maiores

147

As Pontes, 5 de outubro | Por segundo ano consecutivo, As Pontes acollerá as Xornadas de Atención Integral Centrada en Maiores.

A iniciativa, que conta coa colaboura do Concello de As Pontes e a Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, desenvolverase o vindeiro 20 de outubro, nas instalacións da Casa Dopeso, e contará con diferentes charlas e poñencias protagonizadas por educadores sociais, técnicos de axuda no fogar, expertos en xerontoloxía ou terapeutas que abordarán a atención ás persoas maiores.

Así as cousas, dende ben cedo, ás 10.00h, teremos as primeiras actividades neste caso coa inauguración oficial desta convocatoria na que se contará coa presenza da edil de Benestar Social, Isabel Fornos, e a organizadora do evento: a educadora social Laura Vilaboy.

Posteriormente, será o turno para Diego Sánchez, Katia Rouco, Fátima Calvo e Gonzálo Docampo que abordarán e debatirán sobre a prevención da dependencia e o papel dos servizos sociais municipais.

Tras dun descanso, ao mediodía arrincará a terceira poñencia da xornada. Neste caso serán tema de debate os servizos de terapia ocupacional, o servizo de axuda no fogar e os centros de maiores con discapacidade, unha conferencia na que se contará coa terapeuta Alba Penabad, as traballadoras sociais Tamara Filgueiras, Tania Puentes, Tania Pardo e Guadalupe Lago.

Pola tarde, dende as 16.00h e ata as 17.30h, teremos a derradeira sesión destas xornadas. Como tema de debate porase enriba da mesa as diferentes terapias para maiores. Así contarase coa presenza de Antía García, que realiza sesións de terapia con cabalos no centro hípico Prado Aventura; e con Araceli Formigo que desenvolve sesións de ioga da risa con adultos.

A participación nestas xornadas está aberta a todos os interesados, sempre que formalicen previamente a súa inscrición no teléfono 660 081 390 ou ben enviando un correo electrónico ao enderezo [email protected], ata o vindeiro día 18 de outubro.