As Pontes rendirá homenaxe ás precursoras do Conservatorio Municipal

210

As Pontes, 6 de xullo de 2018. As Pontes vai render homenaxe ás precursoras do Conservatorio Profesional de Música Municipal de As Pontes.

Un grupo de mulleres que no ano 1983 conformaron a comisión de Festas do Carme e que decidiron, cun remanente de cartos da comisión, mercar un piano vertical e cederllo ó Concello para que os nenos da vila puidesen estudar música.

Sete mulleres; Purita Franco, Maruja Vega Antón, Encarna Picallo, Beli , Silvina Barro Rochela, Maribel e Mary Maseda, coa axuda do alcalde Don Jaime Vilaboy, plantaron a semente do actual Conservatorio Profesional de Música Municipal de As Pontes.

Con tal motivo e, no 35 aniversario daquela iniciativa, o Concello de As Pontes ten programado un acto institucional, o día 9 de xullo, ás 20 horas, na Casa Dopeso, en recoñecemento á contribución deste grupo de mulleres a prol da música e da cultura no municipio.

Tras esta homenaxe procederase á inauguración do Festival de Música Clásica Son de As Pontes co concerto Septimino. Op 20 de Ludwig van Beethoven interpretado por Elena Rey, Diego Segade, Raúl Mirás, Antonio Cienfuegos, Antonio Suárez, Laura Jiménez e Benxa Iglesias.

Desde o Concello invítase a toda a veciñanza a sumarse a esta homenaxe ás precursoras o conservatorio municipal pontés.