As Pontes, 28 de decembro de 2018. O Concello de As Pontes rendeulle, onte, homenaxe a 14 veciñas que contribuíron, coa súa traxectoria profesional e persoal, ó desenvolvemento local e a visibilizar as aportacións do colectivo feminino ó municipio de As Pontes e a consecución dos dereitos das mulleres traballadoras.

Nesta cuarta edición da iniciativa “As Pontes, as nosas mulleres” as veciñas homenaxeadas, a proposta das asociacións veciñais da vila, foron Antonia Permuy Filgueiras, Aurora Dopico López, Carmen Rego López, Dolores Pena Fernández, Fidelina Graña Pico, Hipólita Cascudo Cabarcos, María Isabel Fernández Ramos, María Isabel Tre Zapata, María Josefa Ramos Martínez, Mª Luz Cabaleiro Gabeiras, María Pérez Corral, Marina González López, Olga Seijido Santalla e Pilar Murado Rivas.

Os actos, que contaron coa presenza do alcalde Valentín González Formoso, a concelleira de Turismo, Hostalería, Comercio e Emprego, Ana Pena, e a concelleira de Benestar Social, Isabel Fornos, comezaron a media tarde cunha sesión fotográfica diante da Casa do Concello para despois continuar cunha charla-café na que as 14 mulleres puideron compartir as súas experiencias vitais, das súas inquedanzas e do futuro das mulleres.

O broche de ouro chegou cun acto público, no Auditorio Municipal Cine Alovi, ó que acudiron un bo número de familiares, amigos e veciños e veciñas das homenaxeadas, no que se proxectou un vídeo no cal se deron algunhas pinceladas sobre a vida destas mulleres e se lles fixo entrega dun libro conmemorativo e dun pequeno agasallo.

A concelleira de Turismo, Hostalería, Comercio e Emprego, Ana Pena, durante o transcurso do acto amosou a súa admiración polas galardoadas e por todas as mulleres do pobo, e agradeceulles o seu traballo, a súa entrega e dedicación ó longo de toda a súa vida xa que todas elas son as artífices da sociedade da vila, esforzándose en educar ás xeracións posteriores para que as súas fillas e as súas netas teñan hoxe unha vida mellor e poidan gozar de oportunidades que a elas se lles negaron polo mero feito de ser mulleres.

“Cada unha de vós sodes un exemplo para as novas xeracións, amosádesnos que é posible situar á muller no lugar no que lle corresponde. Encarnades o traballo e a loita, formades parte do noso acervo colectivo e sodes unha auténtica lección de vida para todos. Esperamos que todas gocedes desta humilde pero merecidísima homenaxe”.

Pola súa banda,  Valentín González Formoso fixo fincapé en que “cada unha das homenaxeadas representa un esforzo de vida. Son mulleres, son traballadoras, son nais e iso significa unha vida dedicada a compatibilizar e elas son as artífices do cambio da nosa sociedade”