As Pontes, 23 agosto de 2019.  O Concello de As Pontes recibirá preto de 18.000 euros do Ministerio de Igualdade, a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, para a formulación e posta en marcha de medidas que permitan a erradicación da violencia sobre as mulleres.

Así, os fondos recibidos deberán destinarse a proxectos e programas que contribúan ao desenvolvemento dos fins do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero tales como a posta en marcha de campañas de sensibilización e prevención de calquera forma de violencia contra as mulleres ou a mellora dos servizos municipais de atención e información ás mulleres a través da formación dos profesionais do ámbito local que proporcionan asesoramento xurídico e atención psicolóxica.

Tania Pardo, responsable da área municipal de Igualdade sinala a relevancia desta achega para o concello das Pontes “que poderá continuar traballando na prevención da violencia de xénero así como facer visibles e sinalar as condutas machistas. Este tipo de axudas permiten ás entidades locais amplificar o seu esforzo na concienciación da cidadanía fronte á violencia que sufrimos ás mulleres polo simple feito de ser mulleres”.

Por outra banda, a concelleira sinalou que a contía da achega para o ano 2019 é moi similar á recibida no ano 2018, sendo a máis elevada de todos os concello das  comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.

O reparto realizase en base a unha cantidade fixa de 689 euros por municipio á que hai que sumar o resultado de multiplicar 0,18 euros por habitante e, no caso do Concello das Pontes, Pardo sinala que “debido a que o noso municipio está incorporado ao Sistema de Seguimento Integral de Violencia de Xénero recibimos más apartación, xa que o fondo estatal reserva unha parte, do remanente dispoñible tras o reparto dos fondos do exercicio anterior, para tal fin”

O período para a realización das actuacións, con cargo aos fondos recibidos a través do Pacto do Estado contra a Violencia de Xénero, estenderanse ata o 30 de xuño de 2020.