Foto de Elena López no Foro de Cooperación Municipalista da Lusofonía

As Pontes, 12 de novembro de 2019. A concelleira de Turismo, Comercio, Hostalaría e Consumo, Elena López, presentou esta mañá, no Foro de Cooperación Municipalista da Lusofonía, organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, a estratexia posta en marcha polo Concello das Pontes para acadar os obxectivos de desenvolvemento sustentable fixados pola Organización das Nacións Unidas na súa Axenda 2030.

Neste encontro, no que participaron representantes de diferentes municipios galegos, de Portugal, Cabo Verde, Mozambique, Brasil ou Guinea Bissau, universidades, centros tecnolóxicos, asociacións municipalistas, entre outros,  a concelleira durante a súa intervención fixo un percorrido pola historia da vila, polo seu tecido económico, a rexeneración ambiental da antiga mina e a súa conversión en lago artificial, explicando as novas oportunidades que se presentan no ámbito económico, turismo sustentable e na innovación social, na procura de solucións novidosas a os desafíos, económicos, sociais e ambientais actuais.

«No momento de inflexión no que se atopa o concello e a comarca é importante establecer estratexias transversais a prol dos obxectivos de desenvolvemento sustentable (ODS) que sexan aplicables a todos os ámbitos de actuación municipal» subliñou Elena López.

Nese sentido a edil destacou que o Concello de As Pontes traballa xa na creación de espazos amables, accesibles, con servizos públicos de calidade, que permiten fomentar a interacción entre as persoas.

Ademais tamén se está a promover a participación cidadá, a inclusión e o fomento de valores como a igualdade, o compromiso, o respecto ou a vida saudable, obxectivos presentes na axenda 2030 da ONU.