As Pontes prepárase para renderlle homenaxe ós fungos e cogomelos

256

As Pontes, 25 de outubro de 2018. As Pontes prepárase para renderlle homenaxe, durante o fin de semana, a dous dos produtos gastronómicos máis representativos do outono; os fungos e os cogomelos.

Será na XXIX Feira de Fungos e Cogomelos, cun extenso programa de actividades que arrincará o venres, 26 de outubro, cunha saída micolóxica ó monte, organizada coa colaboración do Club de Montaña O Caxado e dirixida polo micólogo José Luis Cuba, co obxectivo de amosar ós participantes distintos hábitats e os fungos que viven neles.

 

Sábado

A entrega de premios do concurso “O mundo da micoloxía”, no salón de actos da Casa Dopeso, na que participarán os centros escolares do municipio e que estará amenizada pola compañía Circo Chosco co seu espectáculo Forzudos, no que o humor se mesturará con acrobacias e malabares para achegar ós asistentes ó mundo do circo, xunto coa apertura da zona de foodtrucks na Rúa Ramón Cabanillas, ás 12:00 horas, marcarán o punto de inicio da xornada do sábado que terá como centros neurálxicos a Carpa da Música e a Carpa Gastronómica.

A partir das 12:30 horas, a Carpa de Música, situada na Praza de América, será o escenario dunha sesión vermú na que veciños e visitantes retornarán ás décadas dos anos 20, 30 e 40 da man da formación Por Mi Swing. Antes, ás 12:15 horas, os asistentes terán a oportunidade de aprender, cos grupos Swing Jazz Lugo, Compostela Swing e Swing On Vigo, os pasos dos bailes daquelas décadas para poñelos en práctica ó longo de toda a mañá. A xornada matutina terá o seu punto álxido ás 14:30 horas, coa actuación de DixieKings, unha formación que achegará ó público, a través dunha ampla selección musical, ó mundo do jazz.

Xa pola tarde, a música cederá o protagonismo á cociña e á coctelería. Na Carpa Gastronómica, situada na Rúa Alexandre Bóveda, o cociñeiro Pepe Solla, cunha estrella Michelín e tres soles Repsol, membro fundador do grupo Nove, desde ás 17:00 ás 18:30 horas, dirixirá un showcooking, aberto á participación do público, no que os fungos e os cogomelos serán os principais ingredientes en diferentes propostas culinarias.

A partir das 19:00 horas será a quenda de Xaime Rodríguez Trigas, campión galego e subcampión de España de Coctelería, que realizará unha pequena exhibición de preparación de bebidas na que os fungos e cogomelos tamén terán o seu espazo.

A partir das 21:00 horas a música regresará á Praza de América co concerto da formación feminina The Dawlins que fará gozar ós asistentes cun repertorio baseado na música country, blues, dixie e folk, dando paso, ás 22:30 horas, ó concerto da compositora e pianista Ele. O broche final da xornada porao, sobre as 00:30 horas, o grupo de rock, nado nos anos 80 e referente dentro da movida madrileña, Seguridad Social.

 

Domingo

As actividades programadas para o domingo comezarán ás 09:00 horas coa presentación das cestas participantes no concurso micolóxico que estarán expostas durante toda a mañá na praza de abastos. O fallo do xurado coñecerase sobre as 12:30 horas e repartiranse 1.400 euros en premios.

Desde as 12:00 horas, as rúas da vila adquirirán gran protagonismo grazas ó pasarrúas e espectáculo final da Compañía Pablo Méndez, que voltarán a actuar ás 13:30 horas. Tamén ás 12:00 horas, os asistentes á XXIX Feira de Fungos e Cogomelos poderán asistir, no salón da Casa Dopeso, á representación do espectáculo Saaabor, unha proposta deseñada para todos os públicos na que a música, a maxia e a participación do público mistúrase coa gastronomía.

Xa a mediodía, na Carpa da Música da Praza de América, haberá unha nova sesión vermú, nesta ocasión a cargo da formación Garufa Blue Devils Big Band que, coa axuda do lendario Sito Sedes, ex cantante dos Satélites, fará un percorrido pola música das décadas dos anos 20, 30 e 40.

Durante a hora do xantar, ó igual que nas edicións anteriores, veciños e visitantes poderán probar un menú degustación, composto por dous pratos e unha sobremesa, no que os fungos e os cogomelos serán os ingredientes esenciais. O prezo do menú será de 12 euros, os tickets estarán á venda, a partir das 11:30 horas, na caseta de información da XXIX Feira de Fungos e Cogomelos (ata fin de existencias). O menú servirase de 12:30 a 15:00 horas na carpa instalada no Colexio de Santa María e tamén estará dispoñible para levar.

A cita micolóxica rematará, no Auditorio Municipal Cine Alovi, co espectáculo Somos criminais interpretado por Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán para o que xa se venderon todas as entradas.

 

Actividades complementarias

Por outra banda, durante todo o fin de semana, na Carpa Gastronómica instalaranse a mostra e puntos de venda de produtos ecolóxicos e naturais do outono que, este ano contará, de novo, coa presenza de vendedores da Feira Son do Campo, unha feira itinerante promovida por FADEMUR (Federación de Asociaciones de Mujeres Rurales) que se achegará ata As Pontes con postos de cogomelos, froitas e pratos cociñados.

Na Rúa Ramón Cabanillas e na Avenida de Ferrol haberá unha zona destinada á artesanía, na que artesáns, chegados de diferentes puntos de Galicia, amosarán as súas pezas e na que o público poderá participar nun obradoiro dirixido pola Asociación Amigos da Madeira.

Ademais, os asistentes poderán visitar e facer pequenas compras no Mercado de Oportunidades Vila de As Pontes (MOVA) situado na Avenida da Coruña e que estará aberto, o sábado e o domingo, de forma ininterrompida, desde as 10:00 ás 19:00 horas.

Asemande, durante a XXIX Feira de Fungos e Cogomelos de As Pontes instalarase, na praza de abastos a exposición “Especies Micolóxicas” na que se poderán contemplar, de 11:00 a 14:00 horas os exemplares recollidos na saída micolóxica do venres, 26 de outubro. E o sábado, no mesmo horario, a Casa Dopeso acollerá a mostra “ O mundo da micoloxía” na que se exporán os traballos escolares realizados polos alumnos do centros educativos da vila con motivo da cita gastronómica.