As Pontes prepara dúas alfombras florais polo seu trinta aniversario

84

As Pontes, 19 de xullo de 2018. O Concello de As Pontes, coa colaboración da veciñanza, prepara dúas alfombras florais para celebrar o trinta aniversario da confección da primeira alfombra floral das festas do Carme e A Fraga.

O obxectivo do goberno local, tomando parte na organización, é revitalizar un arte efémero que ía perdendo forza co paso do anos, darlle un novo pulo á tradición, profesionalizar a súa elaboración e modernizar unha tradición mo vinculada á vila ó tempo que renderlle unha homenaxe ás mulleres e homes que, durante tres décadas, a mantiveron viva, converténdoa nun símbolo das festas patronais.

Os traballos previos para a elaboración dos tapices de As Pontes botaron a andar fai meses coa organización de diversos obradoiros impartidos por alfombristas dos Concellos de Bueu e Ponteareas para coñecer de preto o seu traballo e que permitiron ós participantes coñecer máis de preto esta arte popular, as técnicas de cubrición que se empregan na actualidade, o tintado de materias, o perfilado dos debuxos ou a confección do tapiz mediante modelos, entre outras cuestións.

Destes encontros saíu o deseño da alfombra foral que o domingo cubrirá a Praza do Carme e que este ano terá unhas dimensión de 6×54 metros e realizarase en dous niveis. O nivel central será máis baixo, por el avanzará a procesión do Carme e elaborarase “in situ” durante a madrugada do domingo.

O nivel más elevado ocupará os extremos, estará conformado por 10 mandalas, que desde o luns elaboran un grupo de alfombristas no pavillón da Magdalena e que trasladarán ata Praza do Carme o sábado pola noite. Este nivel está deseñado para permanecer intacto durante todo o día e poida ser contemplado por todos os veciños e visitantes. Rematará ós pés da capela cun elemento novo aínda non desvelado polo equipo que traballan na súa confección.

Outra das novidades atópase nos materiais que se empregarán para elaborar a alfombra floral, ás xa clásicas ramas de mirto, tulla e flores como as hortensia, o caravel ou o lirio súmanse materias como os dátiles, a lavanda, as serraduras ou os pousos de café mesturados con cola para perfilar o deseño que substitúen ó sal e á terra empregada tradicionalmente, permitindo lograr maior grado de detalle.

Este ano, a diferenza de outros anos nos que o deseño se debuxaba a man alzada sobre o chan da praza, empregaranse modelos para elaborar o tapiz, enumerados e con indicacións de cores para axilizar o traballo da confección e obter un resultado uniforme e máis vistoso.

Todas estas labores están orientadas, segundo o goberno local, a amosar que este arte efémero non só está vinculado á ofrenda relixiosa, “trátase dunha manifestación artística da nosa cultura, un arte popular no que toda a veciñanza se pode implicar e sentir partícipe. Nenos, maiores, homes, mulleres forman parte deste proxecto, os usuarios do Centro de Día pedíronnos que acudísemos ó centro para poder colaborar con nós, usuarios da Xanela tamén forman parte do equipo e invitamos a todos os veciños a ser parte desta creación colectiva e vivir a experiencia do alfombrismo”

 

Alfombra infantil

A segunda alfombra elaborarase o luns pola mañá, a partir das 11:00 horas, nos xardíns do Campo da Feira. Neste caso o obxectivo do Concello é achegar ós máis pequenos da vila e as súas familias ó proceso completo de confección dun manto floral, tradicionalmente vinculado á madrugada.

Esta alfombra estará dedicada ó medio ambiente e á reciclaxe e nel, xunto cos elementos vexetais e florais, empregarase refugallos para elaborar una proposta no que Refu, a mascota da Ecoescola das Campeiras, será a protagonista principal.

O goberno local invita á veciñanza a participar confección deste tapiz, no que se traballa desde o luns recollendo o material preciso para levala a cabo, para “coñecer de primeira man todo o traballo que se esconde tras unha peza de arte que dura unas horas e por en valor a dedicación de todos aqueles veciño que, durante trinta anos, nos permitiron gozar das alfombras florais no pobo”

 

Colaboración

Por outra banda, desde o departamento de Cultura instan ós veciños a colaborar na elaboración das dúas alfombras florais ven achegándose ó pavillón do Colexio A Magdalena, polas mañás de 10:00 a 13:00 horas o pola tarde desde as 16:00 ás 20:00 horas ou ben aportando flor a través das florerías locais.

No caso da alfombra infantil, pódense aportar material de refugallo: caixas de ovos, corchos de botellas, tapóns, rollos de cartón do papel hixiénico ou de cociña, roupa vella, etc no pavillón do Colexio A Magdalena nos horarios anteriores.