Pontes de Emprego II oferta 100 prazas para mulleres con dificultades de inserción laboral.

A selección das beneficiarias realizarase a través da dirección do programa.

 As Pontes, 15 de novembro de 2018. As Pontes contará, por segundo ano consecutivo, cun Programa Integrado de Emprego de Galicia, subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e cofinanciado polo Concello.

O Programa Integrado de Emprego de Galicia “Pontes de Emprego II”, cunha duración de 12 meses, ten como obxectivo prioritario, en palabras de Ana Pena, concellería responsable da área, “promover e impulsar a inserción laboral de 100 mulleres con especiais dificultades de inserción laboral. Unha formación dirixida a mulleres menores de 30 anos con baixa cualificación, mulleres con discapacidade así como mulleres en risco de exclusión social, perceptoras da RISGA”.

A selección das beneficiarias realizarase a través da dirección do programa e, para tal efecto, as mulleres interesadas en formar parte do Programa Integrado de Emprego de Galicia “Pontes de Emprego II”, poderán efectuar a inscrición no primeiro andar do Edificio CAP (antiga estación de autobuses) en horario de 08:00 a 15:00 horas, ata o 12 de decembro. Tamén poderán inscribirse na Oficina do Servizo Público de Emprego Estatal do municipio.

O Programa Integrado de Emprego de Galicia, cun obxectivo de inserción laboral que se sitúa no 35%, inclúe un amplo abano de accións informativas, formativas e de asesoramento e orientación laboral, axustadas ás necesidades de cada unha das beneficiarias, contando con medidas específicas para evitar que as cargas familiares e a conciliación familiar se convertan nunha barreira para mellorar a súa cualificación.

A edil resalta que “mediante esta iniciativa o Concello de As Pontes busca ofrecerlle ás beneficiarias unha ferramenta de axuda e acompañamento especializado co que desenvolver as súas competencias persoais, sociais e laborais, acrecentando a súa empregabilidade para situarse, deste xeito, nunha situación máis favorable cara o mercado laboral”

Por outra banda, as participantes adquirirán as competencias profesionais demandadas polo tecido industrial e comercial da contorna a través de cursos de cociña (125 horas), silvicultura e xardinaría (150 h) ou técnicas de venda. Asemade, as 100 alumnas recibirán un curso de inmersión lingüística e formación transversal en prevención de riscos laborais, novas tecnoloxías, ofimática, intelixencia emocional, técnicas de motivación e habilidades sociolaborais, procura activa de traballo a través de internet ou sobre a elaboración dun plan de negocio que se complementarán con prácticas non laborais.

O orzamento do Programa Integrado é de 170.312,50€ euros, dos cales 136.250€ euros son aportados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e 34.062,50€ euros polo Concello de As Pontes.