As Pontes, 11 de outubro| O Concello de As Pontes, mediante os departamentos de Cultura e Participación Cidadá, presentou onte o programa As Pontes en Pezas, un proxecto de arte público co que se busca recuperar e revalorizar diferentes espazos públicos mediante distintas técnicas artísticas e traballos individuais e colectivos.

A Casa Dopeso acolleu a posta de longo desta iniciativa que deron a coñecer as edís Sonia Sueiro e Montserrat García, coa compaña de dous dos artistas implicado Xurxo Guitian e Carmen Santos.

Tal e como explicou Sonia Sueiro, As Pontes en pezas é un proxecto multidisciplinar que aglutinará diferentes actuacións artísticas, dende a pintura ata o grafiti, o tecido ou a fotografía que terán como escenario puntos coma as avenidas de Galicia, a Coruña ou Ortigueira ou os barrios da Fraga e Barreiro.

As Pontes en Pezas pretende non só recuperar espazos, entornos ou equipamentos infrautilizados ou degradados esteticamente, senón tamén implicar aos veciños e veciñas en cada unha das 13 intervencións que, ao longo do mes de outubro, se desenvolverán por todo o casco urbano, tal e como subliñou a concelleira de cultura.

Artistas coma Luis Davila, Rubén Moledo, Pili Carballeira, os grupos Artpo ou Alalá ou a asociación cultural de alfombras corpus de Bueu participarán nestas intervencións nas que tamén estarán presentes entidades locais coma Beira do Eume, Lembranza da Vila, A Xanela, Aspanaes ou os institutos Moncho Valcarce e Castro da Uz aos que tamén se poderán sumar veciños e veciñas de todas as idades, e que xa podemos consultar na web deste proxecto enpezas.aspontes.org.

Pola súa parte, a concelleira Montserrat García aproveitaba a súa intevención para convidar á veciñanza a tomar parte nesta interesante iniciativa, ao seu xuízo, moi necesaria para mellorar eses espazos nos que administración local non pode actuar pero que, da man de As Pontes en pezas, recuperarán o seu valor.

De feito, xa está en marcha o primeiro destes proxecto unha intervención laneira no parque localización a finais de mes terá lugar a elaboración dunha alfombra floral aberta a toda a veciñanza.

Outra das actividades colectivas colectivos será o mural de Edu Hermida cos estudantes do Moncho Valcarce e Castro da Uz que terá como escenario o Rego do Muíño, namentras que no rego do Campo, será A Xanela e Artpo os que se encarguen de realizar un mural en pintura.

Pili Carballeira e Aspanaes realizarán un mural en tiza na praza Irmáns Tojeiro, namentras que o grafiteiro rubén Moledo e Alalá decorarán as escaleiras da Praza de América.

Tamén teremos intervencións individuais. Así Luis Davila pintará un mural na piscina, Yoseba MB engalanará a medianeira da Avenida da Coruña, Rubén Moledo realizará un grafiti xunto con Iván Gómez na Avenida de Ortigueira, Xurxo Guitian e Diego González decorarán as paradas de bus do Barreiro e da Fraga e Noemí Larred pintará a fachada da casa da enerxía. Asemade tamén terá lugar un proxecto ecolóxico mediante a colocación de novos iglús para o vidro que serán decorados mediante a técnica de deseño gráfico.

A web enpezas.aspontes.org xa se atopa opertiva e con toda a información necesaria para apuntarse nos diferentes proxectos ou ben informarse sobre todas e cada unha destas intervencións artísticas coas que As Pontes se convertirá, tal e como concluíu Sonia Sueiro, nun fermoso museo ao aire libre.