As Pontes organiza unha charla sobre o uso e abuso dos videoxogos na mocidade

45

As Pontes, 15 de abril de 2019.  O Concello de As Pontes organiza unha charla-coloquio sobre o uso e abuso dos videoxogos, o sábado, 27 de abril, ás 10:00 horas, no salón de actos da Casa Dopeso.

Esta charla ten como obxectivo prioritario informar ás familias pontesas e profesionais do ámbito educativo, sobre hábitos saudables e os riscos que supoñen os videoxogos para a mocidade para, deste xeito, convertelos no primeiro axente preventivo de condutas  aditivas, ofrecéndolles información, métodos e ferramentas para enfrontarse a estas actitudes de abuso.

A charla será impartida por Nelly Rey, pedagoga, coach e protagonista do programa “Cuestións persoais” da TVG, espazo de asesoramento no que se axuda a persoas con problemas persoais ou profesionais a superalos.

Durante esta charla abordaranse cuestións relacionadas con esta nova realidade que afecta as xeracións máis novas e causa gran preocupación entre as súas familias tales como a tipoloxía de videoxogos existentes, o carácter aditivo dos mesmos, o seu impacto sobre á rapazada tanto desde o punto de vista escolar como social ou as súas consecuencias físicas e psicolóxicas.

Ademais exporase un decálogo de boas prácticas para nais e pais co fin de promover, entre os máis novos, un uso responsable dos videoxogos e actitudes saudables fronte ás novas tecnoloxías e os dispositivos electrónicos.

Unha vez finalizada, darase paso a un coloquio no que os asistentes poderán facer preguntas á relatora e resolver as súas dúbidas.

A través desta charla o Concello de As Pontes buscan ofrecer orientación ás familias pontesas sobre unha nova realidade social, o modo máis axeitado para convivir con ela e alertar dos riscos que o exceso de uso das novas tecnoloxías poden entrañar para a veciñanza máis nova.