As Pontes, 5 de xuño| Un grupo de 62 alumnos e alumnas de cuarto de primaria, xunto con tres profesores e o conductor do bus, van estar tres días na nosa localidade disfrutando dun programa que consensuaron co Concello, moi agradecido con esta aposta polo noso municipio.

Así se lles facía saber hoxe nunha recepción oficial no salón de plenos, na que estiveron Ana Pena, Concelleira de Turismo, e as profesoras que acompañan a este grupo do CIP Marina Escolar.

Houbo tempo para intercambio de agasallos e para que estes pequenos e pequenas puideran amosar o moito que estudaron sobre As Pontes, interesándose por moitos detalles da historia da vila, do lago e da producción enerxética.

O acto da recepción celebrábase coa chegada da expedición. Logo, xa á tarde, tiñan a primeira actividade, cunha visita á Casa do mel, e despois veu a ocasión de coñecer o lago.

Mañá farán unha visita á central térmica de Endesa, e pola tarde volverán ó lago para participar, se o tempo o permite, dunha xornada de achegamento á vela e ó piragüismo cos clubes da vila, e tamén se espera poder facer un paseo pola senda da Memoria.

O venres tocaría visitar o museo Etnográfico e de novo sendeirismo, pola senda da Ribeira.

Cunha visita á Ecoescola, ás 12:30h, acabaría este programa para despedirse cun xantar denantes de emprender viaxe de volta a Valladolid.