As Pontes, 13 de agosto de 2019. O lago de As Pontes acollerá o xoves, 15 de agosto, a partir das 11:30 horas, a XXX Bandeira masculina de Traíñas da Deputación da Coruña e a I Bandeira Feminina.

A competición que está organizada pola Deputación da Coruña e a Federación Galega de Remo, coa colaboración do Concello das Pontes, desenvolverase por primeira vez na súa historia en augas non costeiras.

Na categoría masculina serán os clubs Cabo de Cruz, Ares, Mariñeiro de Mera, Rianxo, Perillo, Cabana-Ferrol, Mar de Mugardos, Muros, Esteirana de Remo os que loiten para conseguir a bandeira mentres que na a categoría feminina participarán os clubs Cabo de Cruz, Regatas de Perillo, Náutico de Ribeira e Mar de Mugardos.

A proba comezará ás 11:30 horas coa competición feminina, que se disputará nunha única queda, cun percorrido de 4 millas náuticas, distribuídos en 4 largos. Este será o mesmo recorrido que terán que facer, a partir das 12:00 horas, os remistas masculinos que participarán en dúas quedas. Na primeira tomarán a saída os clubs A Cabana-Ferrol, Esteirana de Remo, Regatas Perillo, Mar de Mugardos mentres que na segunda quenda, ás 12:30 horas, participarán Cabo de Cruz, Ares, Mariñeiro de Mera e Rianxo.

Desde o Concello das Pontes, o concelleiro de Deportes, Chicho Tembrás, destaca a importancia que para o municipio ten acoller a celebración dunha das competicións con maior traxectoria, prestixio e tradición no remo galego e invita á veciñanza e visitantes a gozar dun auténtico espectáculo deportivo nunha contorna privilexiada.