As Pontes debate sobre o futuro medio ambiental de Galicia

74

As Pontes, 30 de xullo de 2018. As Pontes acolleu, está mañá, a inauguración do curso de verán “El medioambiente en Galicia: Retos de futuro”, organizado pola Universidad Internacional Menéndez Pelayo, no que se debaterá sobre a xestión medioambiental do planeta e a súa influencia na calidade de vida e a saúde da cidadanía.

Esta acción formativa, na que participan 20 alumnos e que se desenvolverá ata o martes, nas instalacións da Casa Dopeso, contou na súa xornada de inauguración coa presenza de Montserrat García, tenente de alcalde do Concello de As Pontes, Jaime Rodríguez-Arana, director da UIMP  en Galicia e Francisco Peña Castiñeira, director do curso e fundador do Programa Galego Municipios Saudables e Sostibles.

García agradeceu a presenza ós asistentes e convidounos a sacarlle o máximo partido a estas xornadas que teñen como obxectivo prioritario contribuír, de xeito activo, á mellora da xestión medio ambiental. En palabras da edil: “É responsabilidade de todos nós velar pola saúde da nosa contorna, polo medio ambiente, polo desenvolvemento sostible e, cursos como o que hoxe arranca aquí permítennos avanzar cara unha sociedade más comprometida co coidado do medio ambiente e referendar o compromiso de As Pontes coa protección ambiental”

Por outra banda García tamén remarcou que se trata da primeira vez que As Pontes acolle un curso de verán da UIMP e, nese sentido, subliñou a importancia deste feito por considerar “fundamental achegar a Universidade ós pobos para que os veciños se poidan nutrir do coñecemento e a experiencia que aporta esta institución académica”.

 

Enfoque multidisciplinar

O curso de verán, promovido en colaboración co Concello de As Pontes, abordará durante dúas xornadas, desde un enfoque multidisciplinar, temas relacionados coa saúde medioambiental do planeta, as políticas ambientais de carácter preventivo, a minería sostible, a xestión de refugallos, a estratexia galega fronte ó cambio climático ou os modelos enerxéticos sostibles baseados na economía circular.

Esta acción formativa contará cunha ampla lista de poñentes entre os que se atopan José Antonio Menéndez, director facultativo da Mina de As Pontes; Francisco Díaz-Fierros, catedrático emérito da Universidade de Santiago de Compostela; Francisco Xavier Labandeira,  membro do Panel intergubernamental de expertos en cambio climático; Javier Domínguez; presidente de Sogama; Priscila Artiga, técnica de Aguas Residuais de Espina & Delfín S.L ou Sergio Horacio Quiroga, director de I+D y Producción de Ecocelta.

Este curso, tamén permitirá ós participantes coñecer, de primeira man, o proxecto de recuperación e rexeneración ambiental levado a cabo na antiga explotación mineira de As Pontes, agora reconvertida no lago artificial máis grande de Europa, un referente de restauración de espazos naturais.