As Pontes da luz verde ás achegas dirixidas ás entidades sociais

58

As Pontes, 24 de xullo de 2018. O goberno local deu luz verde á concesión de achegas ás entidades privadas sen ánimo de lucro que impulsen e realicen actividades dirixidas a persoas maiores, discapacitados e persoas con adiccións así como ás asociación que promovan a inserción de colectivos desfavorecidos na sociedade.

A finalidade destas subvencións, ás que o goberno local destinarán 128.000 euros, é dar apoio ás entidades sociais e contribuír a que acaden os seus obxectivos. As achegas están destinadas a cubrir os gastos derivados da organización e realización de actividades, o custe dos seguros de responsabilidade civil e accidentes, a retribución do persoal técnico, o arrendamento de servizos, os gastos correspondentes a voluntariado ou monitores que colaboren coas asociacións sociais, de xeito puntual, impartindo algunha actividade así como para sufragar o custo por desprazamentos derivados das actividades realizadas polas entidades solicitantes.

Poderán beneficiarse destas achegas as entidades privadas sen ánimo de lucro, inscritas no Rexistro de Asociacións de Galicia e no Rexistro de Asociacións do Concello das Pontes, que desenvolvan a súa actividade no ámbito territorial do municipio ou sobre temas de interese para As Pontes.

Para acceder a estas subvencións é necesario presentar a solicitude a través da sede electrónica do Concello https://sede.aspontes.com/es/index.html, cumprimentada polo representante da entidade social, mediante certificado electrónico, xunto coa documentación esixida na convocatoria. O prazo será de dez días contados a partir do día seguinte ó da publicidade do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

Pódese obter máis información sobre estas achegas no BOP 139, con data 23 de xullo de 2018,  na páxina web www.dicoruna.es ou na páxina do Concello de As Pontes http://vive.aspontes.org/

  • Ver bases: VER