As Pontes, 15 de outubro de 2019. O Concello das Pontes, con motivo do Día Mundial da Muller Rural que se celebra hoxe, 15 de outubro, acolle o xoves, 24 de outubro, ás 19:30 horas, na Casa Dopeso, unha charla coloquio para conmerorar esta data.

Baixo o título “Muller Rural e Igualdade” tres mulleres trataran de visibilizar a importancia do traballo da muller no ámbito rural e económico na comarca do Eume así como a súa aportación social e cultural.

As convidadas, Lourdes Otero do obradoiro téxtil Fusaiola, Antía García de Hípica Prado Ventura e Cynthia Arias, de Aleira, da man de Regina Polín, ex-alcaldesa de Guitiriz,   compartirán diferentes visións e experiencias entorno ao emprendemento feminino no rural, o asociacionismo, a violencia de xénero ou a igualdade de dereitos.

Esta iniciativa organizada por Seitura 22, coa colaboración do Concello das Pontes, busca en palabras da responsable da área, Tania Pardo “abrir un espazo de debate e reflexión no que mulleres, de diferentes idades e sectores laborais, compartan a súas vivencias e sirvan de estímulo para outras mulleres, ofrecendo exemplos reais que permitan ver a todo o conxunto da sociedade, os problemas aos que se enfrontan as mulleres no ámbito rural e promover, ao mesmo tempo, cambios sociais”

Ao remate das exposicións das convidadas abrirase un tempo para as preguntas entre elas e co público asistente co obxectivo de compartir opinións e expoñer inquedanzas abordando aspectos como a corresponsabilidade, a conciliación familiar ou o papel da muller no espazo de tomas de decisión.

Trátase dunha actividade de balde, para a que non é preciso inscribirse e á que Tania Pardo convida a asistir a toda a veciñanza para coñecer diferentes proxectos empresarias levados a cabo por mulleres que “están contribuíndo a rachar coas barreiras existentes e a fomentar a igualdade no mundo rural”

Día Mundial da Muller Rural

O 15 de outubro, de 1995, na Conferencia Mundial das Mulleres das Nacións Unidas, celebrada en Pekín, os gobernos de todo o mundo recoñeceron que a desigualdade entre melleres e homes afecta máis ás mulleres rurais, mulleres que constituen un piar básico na vida das súas comunidades.

No ano 2008, coa Declaración Oficial da Asemblea Xeral de Nacións Unidas esta celebración adquire relevancia e ten como obxectivo recoñecer «a función e contribución decisiva da muller rural, incluída a muller indíxena, na promoción do desenvolvemento agrícola e rural, a mellora da seguridade alimentaria e a erradicación da pobreza rural».