As Pontes, 20 de xullo de 2018. As Pontes celebra, desde hoxe e ata o vindeiro mércores, 25 de xullo, as Festas do Carme e a Fraga, as súas festas patronais. Os actos comezaron oficialmente hoxe, ás 20:30 horas, coa lectura do pregón a cargo de músicos, colectivos e veciños que co seu traballo impulsaron o recoñecemento e a difusión desta disciplina artística na vila.

O alcalde Valentín González Formoso, destacou a labor das formacións musicais pioneiras que contribuíron a sentar a semente para o nacemento de novas agrupacións e novos intérpretes que fan que As Pontes sexa unha vila estreitamente ligada á música e berce de grandes músicos.

A continuación representantes da Coral Endesa As Pontes, da Rondalla Vila de As Pontes e Estefanía Beceiro, trompista da Orquesta sinfónica de Bilbao, tomaron á palabra para darlle voz ós homenaxeados e agradecerlles a súa paixón e facer posible que a música nacese na vila.

Este acto rematou coa actuación do conxunto pontes Arrivedercci que estivo acompañado polo grupo de corda frotada do Conservatorio Profesional de Música de As Pontes.

Ás 23:00 horas, sobre a fachada da casa consistorial, proxectouse o espectáculo nocturno multimedia “Contigo Avó” no que través da palabra, a música, as luces e a pirotecnia os ponteses e visitantes viaxaron ó pasado, ós recordos das primeiras festas que vivían collidos da man dos seus avós.

Homenaxe a Ferreiro

Dúas horas antes, e como antesala do inicio das festas, o Concello rendíalle, no parque de Lesneven, unha homenaxe a Antón Ferreiro na que a música tamén ocupaba un lugar protagonista.

Neste acto institucional, que contou coa presenza dos membros da corporación municipal, familiares e amigos de Ferreiro, leuse un poema de Celso Emilio Ferreiro e descubriuse unha placa conmemorativa. Unha agrupación de gaiteiros interpretaron unha alborada, un pasodobre e remataron o acto co himno galego.

O alcalde, Valentín González Formoso, quixo destacar a labor de Antón Ferreiro a prol do deporte e a cultura en As Pontes sen esquecer o seu traballo ó fronte da irmandade Lesneven- As Pontes e remarcou o grande oco que deixa a ausencia de Ferreiro na vila.

Programa do fin de semana

En plena celebración das festas patronais, o sábado 21 de xullo, a partir das 10:30 horas, o campo de tiro Pena da Revolta acollerá a Tirada social Vila de As Pontes pistola standard e as 18:30 horas, do sábado, no campo Monte Medulio, celebrarase o partido de rugby de veteranos.

Por outra banda, durante as festas do Carme, a biblioteca municipal de As Pontes sairá á rúa, con Parque Activo. Unha proposta de ocio alternativo para as nenas e os nenos que se queiran achegar, ata o 23 de xullo, en horario de mañá, de 11:30 a 14:00 horas ou de tarde, de 18:00 a 20:30 horas, ata os xardíns do Parque Municipal. O sábado e o domingo, entre as actividades previstas, destacan os espectáculos musicais Contos para un mundo mellor e Radio Bule Bule, ambos ás 19:00 horas.

Para todos aqueles que non tiveron a oportunidade de asistir a súa estrea, poderán achegarse, o sábado ata a Casa Dopeso, ás 19:00 horas, para ver a proxección do documental Pedrón do Freixo.

Ó igual que en anos anteriores, este mesmo día, ó finalizar a verbena, confeccionarase a alfombra floral que este ano celebra o seu 30 aniversario. Como novidade, o luns, 23 de xullo, ás 16:00 haberá un taller de alfombrismo infantil, no Parque Municipal, no que se achegará ós máis pequenos a esta forma de arte.

Xa o domingo, o campo de tiro de Pena da Revolta será o escenario do XXVIII Trofeo Vila de As Pontes Foso Olímpico. A cita comezará ás 09:00 horas e prolongarase ata ben entrado o serán. Pola tarde será a quenda para os amantes da música coa celebración do XXII Certame de Bandas, ás 19:30 horas, no Auditorio Municipal, no que participarán agrupacións musicais chegadas desde Narón e Arteixo.

O luns, 23 de xullo, a área de Cultura ten programada unha festa infantil no Parque Municipal con inchables, xogos e unha festa da escuma para o goce dos máis pequenos da localidade e, pola noite, a veciñanza poderá presenciar unha nova edición do Festival Internacional de Folclore que achegará ós asistentes á cultura, á danza e á música doutros continentes. Será no pavillón municipal, a partir das 20:30 horas.