As Pontes clausura a segunda edición do curso municipal para emprendedores

621

As Pontes, 27 de abril de 2018.  O concello de As Pontes clausurou a segunda edición do cursoDesenvolve o teu modelo de negocio” para emprendedores que se estivo a desenvolver, durante os últimos dous meses, no edificio administrativo da Canle IV.

A Concelleira de Turismo, Hostalaría, Comercio e Emprego, Ana Pena, foi a responsable de entregar os diplomas ós 15 alumnos que participaron nesta iniciativa municipal deseñada para fomentar o emprendedurismo e a creación de empresas na localidade.

Pena amosouse moi satisfeita con resultados obtidos e declarou que: “Desde a Concelleira de Turismo, Hostalaría, Comercio e Emprego seguiremos traballando para darlle continuidade a esta iniciativa, empregaremos todos os recursos dos que dispoñemos para fomentar o emprendemento con actividades formativas, asesoramento e programas de axuda. Apoiar ós ponteses que queren facer realidade a súa idea de negocio no municipio, contribuíndo á economía local, é unha prioridade para o Concello de As Pontes”.

Desenvolve o teu modelo de negocio” tiña como obxectivo facilitarlle ós participantes formación, asesoramento e apoio para realizar o seu  propio plan de empresa ó tempo que poñía a súa disposición as ferramentas e coñecementos necesarios para crear e xestionar o seu propio negocio.

Durante 8 sesións, os participantes aprenderon a realizar un estudo de mercado, a analizar a competencia, a elaborar un plan de marketing e un plan de comunicación. Adquiriron nocións básicas sobre motivación e dirección de equipos, deseño do plan económico empresarial, xestión financeira ou contabilidade.